Do 6 ao 11 de marzo celébrase a 27ª edición desta cita anual organizada desde a Aula de Teatro da USC

O XXVII Festival Internacional de Teatro Universitario da USC abre en Compostela do 6 ao 11 de marzo unha fiestra ás creacións teatrais desenvolvidas polas compañías de teatro universitario das contornas galega, estatal e europea. Ademais da Aula de Teatro da USC, nesta edición participan a Escola de Teatro de Tartu-Estonia, da Escola Superior de Arte Dramática de Madrid, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, da Universidade de Almería e da Universidade da Beira Interior de Portugal.
Todas as representacións son no Salón Teatro de Santiago de Compostela ás 21.30 horas e a entrada é de balde previo paso pola billeteira, que abrirá cada día ás 19.30 horas. Despois de cada función, haberá un encontro coas compañías no ambigú do teatro para falar sobre o proceso de creación das pezas.
Programa
A Aula de Teatro da USC abre esta edición do festival o luns 6 de marzo coa presentación de Observacións sobre a felicidade (composición e manexo), unha peza de 50 minutos de duración e en lingua galega con posta en escena de Roberto Salgueiro e asistencia de dirección de Ximena Torrón Núñez. No elenco, Bárbara María Domínguez, Laura López Esteban, Aira Portos Rey, Laura Codesido Mella e Breixo Barreiro Mira.
O martes 7 é quenda para o Tartu Student Theatre de Estonia coa obra Beggar's Blessing (A bendición do mendigo), unha montaxe sen texto de 40 minutos de duración baseada nos contos populares estonios. Neles, é un motivo recorrente a chegada dun poder extraterrestre que intervén nos eventos terrenais de forma que obriga as persoas a tomar unha decisión. Da mesma maneira, nesta peza é o público o que se ve na necesidade escoller. Cunha estética de película muda, o relato transmítese a través do movemento e os xestos do elenco e da música da peza. Enor Niinemägi dirixe esta montaxe interpretada por Rutt Vare, Kelly Kittus, Annabel Berg/Katrin Kalma, Kristjan Tammi, Peeter Piiri e Enor Niinemägi con música de Mart Alaru.
O mércores 8 de marzo a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia presenta no Salón Teatro 7 segundos (in god we trust), unha montaxe baseada no texto homónimo De Falk Richter. A peza ten unha duración de 90 minutos e represéntase en lingua galega.
Criadas é a obra coa que a compañía Desgarradura, xurdida a partir do traballo de Lucas Ares e Víctor Longás na Real Escola Superior de Arte Dramática (RESAD), intervén na mostra. O xoves 9 de marzo ofrecen unha nova revisión teatral do clásico de Jean Genet cunha posta en escea que afonda na creación do espazo sonoro, na experimentación con vídeo en directo e na exploración das súas posibilidades expresivas cara á conformación dunha obra impactante e fortemente poética. Lucas Ares e Ana Ruth Resco protagonizan esta peza en lingua castelá de 105 minutos de duración.
Xa o venres 10 de marzo a Aula de Teatro da Universidade de Almería presenta Transición, unha obra escita por Pilar Barberá e dirixida por Diego A. Alías que rende homenaxe ao estudantado universitario dos anos 70 e afonda na transformación dun país que saía da ditatura. A peza, de 60 minutos de duración, interprétase en lingua castelá.
E o Teatr'ubi, a compañía teatral da Universidade da Beira Interior en Portugal, pecha o festival o sábado 11 de marzo con Tirava-te a dor e ficava com ela, unha peza dirixida e interpretada por Rui Pires con João Gomes, Maria Antónia Marques, Rafaela Schimitt, Rita de Andrade e Thais Teixeira no elenco de intérpretes. A partir de textos de Anaïs Nin, Carlos Drummond de Andrade, Fernando Pessoa, Heiner Müller, Slow J, técese un espectáculo de 40 minutos de duración que se representará en lingua portuguesa.
