Skip to main content

Últimos avances, fakenews e xogos interactivos integran o Unistem Day 2023

Equipo promotor do Unistem Day 2023 na USC
Equipo promotor do Unistem Day 2023 na USC
Trátase do maior evento internacional de divulgación científica sobre células nai que se desenvolverá o vindeiro 10 de marzo
Santiago de Compostela

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS) organiza o vindeiro venres, 10 de marzo, na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC a xornada Unistem Day 2023. Trátase do evento internacional de maior envergadura na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido dende hai 14 anos pola Università degli Studi dei Milano.  Durante esta xornada, baixo o lema 'A viaxe interminable da investigación en células nai', pretende achegar a ciencia a novos estudantes de bacharelato e espertar vocacións científicas.

O acto de inauguración, programado ás 9.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía, contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López Díaz; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero; e o director do departamento de Ciencias Morfolóxicas e investigador principal do grupo organizador do CiMUS da USC, José Luis Labandeira.

Nesta edición prevese que arredor de 30.000 estudantes participen en actividades e visitas a laboratorios en 87 universidades e centros de investigación de catorce países: Alemaña, Australia, Dinamarca, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Serbia, Suecia e España. En España, ademais da USC, participan dez universidades e centros de investigación da Rede de Terapias Avanzadas, TERAV, coordinados desde a Universitat de Barcelona.

A Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago acollerá a 370 estudantes e profesorado do IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, IES Plurilingüe de Valga e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. O evento conta co patrocinio do CiMUS, Celta Enxeñeiros, Fisher Scientific, Cienytech, Izasa Scientific, Glass Chemicals, Casio División Educativa, Levoriz, Merck, Editorial Elsevier, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Cátering.

Programa

O evento incluirá charlas de docentes e persoal investigador da USC que abordarán temas de interese sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular. Achegarán detalles sobre a investigación sobre células nai no laboratorio; ou falarán da ciencia con evidencia e o risco das fakenews neste campo. Tamén terán lugar xogos interactivos para facer da ciencia algo divertido; e ademais, este ano, enmarcado nas actividades do Ano de Investigación Ramón y Cajal, incluirase unha charla sobre a vida e legado científico e artístico do considerado pai da neurociencia.

The contents of this page were updated on 03.06.2023.