Últimos avances, fakenews e xogos interactivos integran o Unistem Day 2023

O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermedades Crónicas da USC (CiMUS) organiza o vindeiro venres, 10 de marzo, na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC a xornada Unistem Day 2023. Trátase do evento internacional de maior envergadura na divulgación sobre células nai e terapia celular promovido dende hai 14 anos pola Università degli Studi dei Milano. Durante esta xornada, baixo o lema 'A viaxe interminable da investigación en células nai', pretende achegar a ciencia a novos estudantes de bacharelato e espertar vocacións científicas.
O acto de inauguración, programado ás 9.00 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía, contará coa presenza do reitor da USC, Antonio López Díaz; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero; e o director do departamento de Ciencias Morfolóxicas e investigador principal do grupo organizador do CiMUS da USC, José Luis Labandeira.
Nesta edición prevese que arredor de 30.000 estudantes participen en actividades e visitas a laboratorios en 87 universidades e centros de investigación de catorce países: Alemaña, Australia, Dinamarca, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia, Reino Unido, Serbia, Suecia e España. En España, ademais da USC, participan dez universidades e centros de investigación da Rede de Terapias Avanzadas, TERAV, coordinados desde a Universitat de Barcelona.
A Facultade de Medicina e Odontoloxía de Santiago acollerá a 370 estudantes e profesorado do IES Rosalía de Castro, Colexio M. Peleteiro, Colexio Compañía de María, IES Xelmírez I e IES Xelmírez II de Santiago, IES Manuel García Barros da Estrada, IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, IES Plurilingüe de Valga e CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel de Ourense. O evento conta co patrocinio do CiMUS, Celta Enxeñeiros, Fisher Scientific, Cienytech, Izasa Scientific, Glass Chemicals, Casio División Educativa, Levoriz, Merck, Editorial Elsevier, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Cátering.
Programa
O evento incluirá charlas de docentes e persoal investigador da USC que abordarán temas de interese sobre os últimos avances no terreo das células nai e a terapia celular. Achegarán detalles sobre a investigación sobre células nai no laboratorio; ou falarán da ciencia con evidencia e o risco das fakenews neste campo. Tamén terán lugar xogos interactivos para facer da ciencia algo divertido; e ademais, este ano, enmarcado nas actividades do Ano de Investigación Ramón y Cajal, incluirase unha charla sobre a vida e legado científico e artístico do considerado pai da neurociencia.