Skip to main content

Un xurado internacional decidirá o I Premio de Investigación en Innovación e Economía Circular

O galardón está promovido polo mestrado DEIN e a Deputación da Coruña

Cinco investigadores e investigadoras de diferentes universidades europeas serán os encargados de avaliar e conceder o I Premio Internacional de investigación en Innovación e Economía Circular, promovido polo mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación (DEIN) co patrocinio da Deputación da Coruña. A convocatoria deste galardón está aberta ata o vindeiro 10 de outubro.

O xurado estará presidido polo catedrático da USC Xavier Vence Deza, director do Máster DEIN e do grupo de investigación ICEDE, cun extenso currículo en economía da innovación e en economía circular. Na actualidade coordina o equipo da USC no proxecto europeo R2PI sobre modelos de negocio para a economía circular e deseño de policy packages para impulsar a economía circular na UE.

Como vogais estarán as doutoras Blandine Laperche, Teresa Domenech e o doutor Óscar Rodil. Laperche, profesora na Université du Littoral-Côte-d'Opale (Dunkerke), é presidenta do Réseau de Recherche sur l’Innovation e editora xefa do Journal of Innovation Economics and Management (I-JIEM). Pola súa banda, Teresa Domenech é profesora na Bartlett School Env, Energy & Resources da University College of London e coordina o Módulo de Simbiose Industrial do Environmental Design and Engineering MSc. Posúe unha ampla traxectoria investigadora en Economía Circular, Indicadores de Sustentabilidade e Políticas Medioambientais.

O profesor da USC Oscar Rodil é membro do grupo ICEDE, con ampla experiencia na investigación sobre políticas de innovación e cadeas de valor. Foi Premio BANCOMEXT polo seu traballo ‘La cara oculta del comercio de México con Estados Unidos: las cadenas de valor al descubierto’ .

Por último, a secretaria do xurado será Ángeles Pereira, profesora na USC e investigadora do grupo ICEDE, experta en ecoinnovación e servicizing e investigadora do proxecto Transition from linear to circular: Policy and Innovation’(R2PI).

The contents of this page were updated on 10.02.2018.