O reitor impuxo a Insignia de Ouro da USC aos integrantes do Consello de Dirección entre 2014 e 2018

O reitor Juan Viaño impúxolle este venres 4 a Insignia de Ouro da USC aos integrantes do equipo de goberno durante o período comprendido entre 2014 e 2018. A Insignia de ouro da USC concédea o reitor a aquelas persoas físicas que sobresaian dun xeito especial nos servizos prestados á institución académica compostelá.
Recibiron esta honra universitaria as vicerreitoras Rosa Crujeiras Casais, Almudena Hospido Quintana e María do Carme Silva Domínguez; os vicerreitores Luís Lima Rodríguez, Andrés Barreiro Lois, José Pereira Fariña e Carlos Alberto Salgado López. Tamén recibiron a distinción a secretaria xeral Consuelo Ferreiro Regueiro, a comisionada para a Gobernanza das TIC e Estratexia de Titulacións, María José Carreira Nouche, e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. No mesmo acto, o reitor entregou un agasallo e agradeceu igualmente a especial contribución ao goberno da USC dos restantes membros do Consello de Dirección entre 2014 e 2018 aos que xa lles fora concedida a Insignia con anterioridade: as vicerreitoras Isabel Rodríguez-Moldes Rey e María Dolores Álvarez Pérez; os vicerreitores Roberto Javier López López e Javier Bueno Lema e ao xerente José Manuel Villanueva Prieto.
Nun dos actos oficiais “máis sinceros, con máis sentimento e máis ateigado de profunda emoción”, Juan Viaño comezou a súa intervención trasladando os seus parabéns ao reitor electo, o profesor Antonio López. Xa en referencia ao labor de xestión realizado nos últimos catro ano, Viaño subliñou a “enorme sorte de contar cun equipo sen igual, integrado por persoas exemplares, desas que non se retraen ante o desafío nin se engurran ante a adversidade; que non miden tempos na dedicación nin escatiman esforzos no empeño; que non se conforman coas tarefas encomendadas senón que senten necesidade de embarcarse en novos proxectos e que dan todo de si por unha causa común aínda tendo que facer sacrificios persoais e profesionais. Verdadeiramente, traballando xunto a vós de xeito conxunto, sentinme un auténtico privilexiado”.
O reitor tivo un recordo de xeito particular e especial para todo o persoal, “secretarias e secretarios, condutores e conserxes, traballadores e traballadoras da administración e dos servizos que traballan na Reitoría, todos eles cunha profesionalidade da que me sinto especialmente orgulloso”. Nomeadamente destacou “a profesionalidade ilimitada de Virginia, Noelia e Ramón” na secretaría particular do reitor así como a de Ana Paz “pola súa atención, ao protocolo na reitoría, a asistencia ao reitor e ao que institucionalmente representa, sen escatimar horas nin esforzos”. Tamén lembrou Viaño “a complicidade” da súa familia, “sen dúbida os grandes damnificados” destes últimos anos, pola súa xenerosidade “ao aceptar as miñas ausencias cotiás, xa fosen físicas ou mentais. Terei sempre con eles unha débeda impagable”.
“Son moitos e moitas as mulleres e homes da Universidade que traballaron sen desánimo para colaborar en todo o que a sociedade percibe que puidemos facer durante estes ano”, engadiu Juan Viaño para concluír que “non somos ninguén sen os outros”. A modo de balance, afirmou que “fixemos todo o que puidemos e do mellor xeito que sabíamos, para dar vida e levantar do esmorecemento a unha universidade centenaria, docente, investigadora, emprendedora e responsable á que queremos e coa que tanto eu coma os meus compañeiros de equipo de goberno estaremos comprometidos sempre”.
A USC “experimentou durante estes anos unha importante transformación, logrando pasar de administrar a escaseza e a penuria a xestionar un crecemento certo. A Universidade de Santiago é hoxe bastante máis que onte, grazas a todos, unha institución que forma mellor, que investiga e innova, que xestiona ben os seus recursos e que se proxecta con forza na sociedade galega e no mundo”. Ao acto no Colexio de Fonseca acudiu unha numerosa representación da comunidade universitaria así como de familiares e compañeiros dos homenaxeado, entre os que se atopaban o ex reitor Juan Casares; o reitor electo, o profesor Antonio López; ou o presidente do Consello Social da USC, José Mª Arias Mosquera, entre outros.
No acto de Fonseca déronse cita compañeiros/as dos homenaxeados, familiares e integrantes da comunidade universitaria. Foto: Santi Alvite