Saída dende a Piscina Universitaria
Este itinerario organizado pola Área Deportiva para o mes de xuño transita dentro do espazo natural da Rede Natura Mariña Occidental
O programa de sendeirismo da Área de Deportes da USC programa unha nova visita ao concello de Xove o 17 de xuño. O itinerario percorre a senda costeira que vai dende a praia de Esteiro ata o Portiño de Morás. Na praia de Esteiro, a expedición collerá en dirección norte cara o lugar do Castro, onde comeza o percorrido. O itinerario é sinxelo xa que o camiño é moi bo, pero cómpre ter en conta o desnivel, que é un continuo sube e baixa. Transita en todo momento dentro do espazo natural da Rede Natura Mariña Occidental e visita punta Mansa, a enseada do Coído, punta Roncadoiro, Portocelo, ou Coto da Vela, ata chegar ao portiño de Morás, onde remata.
A expedición, guiada por Víctor Fidalgo, sairá en autobús ás 8.00 horas dende a Piscina Universitaria de Santiago e volverá ás 20.30 horas (aproximadamente).
A información sobre os prazos de inscrición das distintas categorías, as tarifas e descontos para a comunidade universitaria nas actividades de sendeirismo está dispoñible na web da actividade.