Skip to main content

Concerto das violonchelistas Laura Juncal Pájaro e Jimena Andión García

Concerto das violonchelistas Laura Juncal Pájaro e Jimena Andión García
Concerto das violonchelistas Laura Juncal Pájaro e Jimena Andión García

As violonchelistas Laura Juncal Pájaro e Jimena Andión García, acompañadas de Eriko Ishimoto ao piano, ofrecen este mércores 12 un concerto no que interpretarán obras de Johann Sebastian Bach, Robert Schumann, Cesar Franck e Astor Piazzola. Con entrada libre, o recital será ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.

As intérpretes Ambas as dúas intérpretes naceron en Pontevedra en 1993 e comparten os seus inicios musicais, primeiro no Conservatorio Profesional de Musica ‘Manuel Quiroga’ de Pontevedra e logo no Conservatorio Superior de Musica da Coruña coa profesora Clara Groba. Foron tamén alumnas do Curso de Especialización Instrumental da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e actualmente estudan con Barbara Switalska, violonchelista da Real Filharmonía de Galicia.

Na carreira de Laura Juncal destaca que é membro activo da Orquestra Nova da Sinfonica de Galicia, traballando baixo a batuta de Dima Slobodeniouk, Alberto Zedda, James Ross ou Vicente Alberola. Colabora coa Orquestra Gaos, Orquestra Filharmonica Cidade de Pontevedra, Banda de Musica de Pontevedra, Banda Artística de Merza e forma parte da Banda Xuvenil de Barro.

Pola súa banda, Jimena Andión estudou cunha bolsa Erasmus+ na Academia de Musica de Cracovia (Polonia), onde actualmente cursa os estudos de mestrado, e en 2018 recibe traballou con outra axuda Erasmus+ en Estambul (Turquía). No eido da musica de cámara e orquestral, participa en diversas formacións, asistindo a clases maxistrais de Emile Cantor, Dan James, Gian Franco Borrelli e Evgeni Sinaiski.

Eriko Ishimoto Nace en Xapón, onde comeza os seus estudos musicais, que logo vai perfeccionando en Budapest e Holanda. Entre os galardóns acadados destacan o segundo premio no Concurso para estudantes da area de Tokio e o diploma especial no Concurso Internacional Vincenzo Bellini; o segundo premio no Concurso Internacional Citta di Mazara del Vallo; a mención ‘The highest place as a pianist’ no Concurso F.M.Classics de Amsterdam; o premio Schubert no Concurso Internacional Viotti-Valsesia; e o terceiro premio no Concurso Internacional A.M.A.Calabria.

Actuou xunto coa Orquestra Noord Nederlands en Holanda e coa Orquestra Ensemble Kanazawa en Xapón. Hoxe traballa en Santiago de Compostela, como profesora de piano na Escola de musica Berenguela e como pianista na Escola de Altos Estudos Musicais.

The contents of this page were updated on 09.10.2018.