Skip to main content

Catro revistas da USC renovan o selo de calidade da FECYT

'Verba. Anuario Galego de Filoloxía' é unha das revistas que acaba de renovar o selo. FOTO: Santi Alvite
'Verba. Anuario Galego de Filoloxía' é unha das revistas que acaba de renovar o selo. FOTO: Santi Alvite
Trátase de ‘Ágora. Papeles de Filosofía’, ‘Estudos de Lingüística Galega’, ‘Obradoiro de Historia Moderna’ e ‘Verba. Anuario Galego de Filoloxía’
Santiago de Compostela

As revistas da USC, Ágora. Papeles de Filosofía, Estudos de Lingüística Galega, Obradoiro de Historia Moderna e Verba. Anuario Galego de Filoloxía acaban de renovar na convocatoria 2023 o selo de calidade da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), que as distingue como revistas “excelentes”. Dende 2007, ano no que deu comezo a primeira convocatoria de avaliación de revistas científicas, FECYT analizou 2056 solicitudes de revistas e na actualidade hai 514 publicacións que contan con este selo de calidade. Verba posúe o selo FECYT dende 2014, Ágora e Estudos de Lingüística Galega dende 2016 e Obradoiro de Historia Moderna dende 2019.

A FECYT), instrumento de implementación de políticas de ciencia, tecnoloxía e innovación do Ministerio de Ciencia e Innovación, traballa para reforzar os vínculos entre ciencia e sociedade mediante accións que promovan a ciencia aberta e inclusiva, a cultura e a educación científicas. Neste contexto, ofrece ás revistas científicas españolas unha serie de ferramentas para mellorar a súa calidade e visibilidade apoiando a súa profesionalización e internacionalización, ferramentas entre as que figuran a convocatoria anual do selo de calidade e o ránking de visibilidade e impacto das revistas científicas españolas.

Para Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, que publica dixitalmente todas as revistas da institución compostelá na plataforma Rev{USC}. Portal Dixital de Revistas da USC, “a obtención destes recoñecementos confirma, para alén da excelencia e impacto dos seus contidos, que a edición dixital das publicacións periódicas académicas co software de código aberto Open Journal System (OJS), estandarizado en todo o mundo e implementado na USC en 2012, contribúe directamente ao seu posicionamento e visibilidade”.

O último avance técnico do portal, consolidado ao longo de 2022, foi a nova versión mellorada do formato de saída .html que incorpora melloras na lexibilidade e usabilidade a través dun texto máis amplo e estético; cómodas ferramentas de navegación despregando o sumario do artigo, ou notas no pé en formato de pop-ups interactivos, entre outras.

The contents of this page were updated on 07.03.2023.