A USC, na vangarda da tecnoloxía en edición dixital de revistas científicas

A USC a través do seu Servizo de Publicacións e Intercambio Científico acaba de dar un novo paso para mellorar a experiencia das persoas usuarias do seu Portal Dixital de Revistas. O último avance, como pode comprobarse nesta ligazón, consiste nunha nova versión mellorada do formato de saída .html que incorpora melloras na lexibilidade e usabilidade a través dun texto máis amplo e estético; cómodas ferramentas de navegación despregando o sumario do artigo, ou notas no pé en formato de pop-ups interactivos, entre outras.
“Coa implementación da edición html das revistas, que previsiblemente se completará no transcurso deste ano 2022, o Portal Dixital de Revistas coloca a USC na vangarda da edición dixital de publicacións periódicas no panorama da edición universitaria española”, explica o responsable do Servizo de Publicacións, Juan Blanco.
Fronte ao formato convencional .pdf, dispoñible tamén en cada artigo e común para todas as revistas, o soporte .html representa a interface de lectura dixital “máis avanzada, fluída e apta para todo tipo de dispositivos, como evidencia a transformación dixital que nos últimos anos veñen experimentando os medios de prensa escritos”, engade Juan Blanco.
Tras a migración en 2012 ao soporte dixital de todas as revistas cientíifo-académicas da USC, que edita en acceso aberto gratuíto o Servizo de Publicacións, e a consecuente creación do Portal Dixital de Revistas, baixo o software de código aberto Open Journal Systems, dende 2020 a editorial da Universidade desenvolve “un esixente plan de edición dixital”, engade Juan Blanco. Ademais do tratamento de metadatos co estándar internacional XMLJATS para o incremento do alcance, visibilidade, posibilidade de citas e factor de impacto dos artigos, este plan contempla a publicación dos mesmos en formatos de lectura multisaída .pdf e .html, eido ao que pertence o máis recente avance