Nas xornadas presentaranse os principais resultados alcanzados dentro do proxecto MAGIST, no que colaboran as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Carlos III de Madrid

No MAGIST Workshop, xúntanse expertos de ámbito estatal e internacional en campos relacionados coa enxeñaría de datos e os sistemas intelixentes para intercambiar ideas sobre os principais problemas e retos que aparecen no desenvolvemento de solucións dentro das cidades intelixentes. Nas xornadas presentaranse os principais resultados alcanzados dentro do proxecto MAGIST, no que colaboran as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo e Carlos III de Madrid. Estes resultados inclúen solucións de Intelixencia Artificial para a predición do tráfico, a monitorización do estado de pavimento, ou a análise de datos de redes sociais e de sensores móbiles.
Inclúense tamén solucións do ámbito da enxeñaría do software para a construción de paneis de control sobre datos de sensores e aplicacións móbiles para problemas de mobilidade urbana. Por último, inclúense solucións de procesamento de datos LiDAR e aproximacións de procesamento de consultas para datos xeoespaciais. Nas xornadas presentaranse tamén solucións relacionadas coas cidades intelixentes e a internet das cousas desenvolvidas nas universidades de Modena and Reggio Emilia (Italia) e Zaragoza (España). Por último, incorporarase tamén a experiencia da administración pública (representada polo Concello de Santiago de Compostela) e da industria, coa participación das empresas Televés e SUEZ-Smart & Environmental Solutions.