Unha mostra do artista santiagués José Manuel Méndez Rodríguez 'Pitelos' comisariada por Adriana Pazos Ottón

A Igrexa da Universidade acolle do 7 de setembro ao 10 de novembro a exposición 'CONSTELATIO', unha mostra na que o pintor José Méndez Rodríguez 'Pitelos' reúne máis dun cento de artistas do panorama creativo galego a través de retratos, esculturas, ornamentación e 'Ovos Vitae'.
O acto inaugural, programado o xoves 7 de setembro ás 20.00 horas, contará coa participación da vicerreitora de Estudantes e Cultura Pilar Murias, da comisaria da mostra, Adriana Pazos Ottón e do artista José Méndez Rodríguez.
Na mostra 'CONSTELATIO' figuras mitolóxicas e zodiacais personifícanse en retratos a través da man e a creatividade inesgotable do pintor compostelán.
Máis de 46 retratos personificados acompañados dos seus respectivos “Ovos Vitae”, esculturas creadas polos artistas participantes, e máis de 60 pezas da mesma colección.
A propia substancia de CONSTELATIO tende pontes cara a todas as épocas dialogando coa arquitectura do espazo, coa súa ornamentación na formulación da montaxe e a concepción
escenográfica dos elementos portantes como soporte dos retratos.
'CONSTELATIO' convértese así nun xogo de exacerbación efectista realizando unha fusión ilusoria e material coa arquitectura, a escultura e a pintura que habitan a Igrexa. A mostra ofrece un diálogo sobre a conciencia de ser parte dun universo infinito, gobernado por leis eternas, alleo á lóxica e o control da mente humana. Un universo plural, ilimitado en configuracións, aparencias e expresións, marcado polo hibridismo das formas e os elementos. Complexos temas alegóricos plásmanse en imaxes fortemente evocadoras onde a atmosfera dos mitos antigos volva vivir nun ambiente en que poida experimentarse o sobrecollemento do humano ante o divino.
A mostra, coordinada por OLALAB Acción Cultural e con montaxe de Escenoset- Pitelos, conta coa colaboración da vicerreitoría de Estudantes e Cultura da USC e da Deputación da Coruña. Poderá ser visitada de de mércores a venres de 17 a 21 horas, os sábados de 11.30 a 14 horas e de 17 a 21 horas, e os domingos de 11 a 15 horas.
Visitas guiadas
Durante o período expositivo, a mostra ofrece un amplo programa de visitas guiadas teatralizadas da man de artistas da contorna teatral galega. Non é preciso facer inscrición previa
- 10 de setembro | 13 horas: con Avelino González
- 13 de setembro | 17 horas: con Quico Cadaval
- 22 de setembro | 18 horas: con Victoria Paz (visita guiada para público infantil)
- 27 de setembro | 19.30 horas: con Josito Porto
- 7 de outubro | 18 horas: con Melania Cruz
- 11 de outubro | 17 horas: con Quico Cadaval
- 19 de outubro | 18 horas: con Guillermo Carvajo
- 27 de outubro | 20 horas : con J.Méndez PITELOS
- 2 de novembro | 17.00 horas : con Quico Cadaval
- 4 de novembro | 13 horas: con Xavier Estevez
- 9 de novembro |18 horas: con Luma Gómez