O grupo HistAmérica promove en setembro diversas actividades para afondar nos coñecmento dos golpes militares de Uruguai e Chile

Entre o 18 e o 25 de setembro, o Grupo de Historia de América da USC (Histamérica) desenvolverá diferentes actividades para afondar no coñecemento dos golpes de estado que tiveron lugar en Chile e Uruguai en 1973.
O 27 de xuño de 1973 o presidente electo uruguaio, xunto cun Consello de Seguridade Nacional dirixido polas Forzas Armadas daquel país, clausuraron o poder lexislativo dando inicio con ese acto a unha ditadura político-militar que anulou o réxime democrático e que non se recuperaría ata 1984, cando se convocaron eleccións para iniciar a transición á democracia. Apenas dous meses e medio mais tarde dese golpe, o 11 de setembro de 1973, os militares chilenos tomaron o poder pola forza e derrocaron o presidente electo Salvador Allende, dando comezo a outra nova ditadura que sometería o país austral até 1990.
O Grupo HistAmérica da USC lembra estes momentos históricos con dúas actividades abertas tanto á comunidade universitaria como ao público en xeral. Os luns 18 e 25 de setembro terá lugar un ciclo de Cine e debate titulado '50 de años despois dos golpes militares de Uruguai e Chile'. As sesións, pensadas para visualizar dende outro ángulo o coñecemento das ditaduras militares latinoamericanas durante a Guerra Fría, serán ás 12.00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía.
A primeira delas, o luns 18, consistirá na proxección de Mundialito, película uruguaia de 2010, que será presentada polo profesor de Historia de América e especialista en historia política de Uruguai Eduardo Rey Tristán, quen moderará o debate. Xa o luns 25 será quenda da proxección do filme chileno Postmortem (2010), neste caso presentado e moderado polo investigador chileno Francisco Morales Aguilera, actualmente investigador visitante no grupo HistAmérica da USC. Participarán ademais outros especialistas da USC na temática.
En paralelo, o mércores 20 terá tamén lugar na Fundación Granell de Santiago un novo Encontro Americanista, ciclo de conferencias mensuais organizadas polo Grupo HistAmérica e a Fundación Granell sobre actualidade, cultura e historia latinoamericana. Nesta ocasión o convidado será o historiador e xornalista chileno Mario Amorós, biógrafo de Víctor Jara e Salvador Allende, coa conferencia 'A Unidade Popular chilena, 50 anos despois'.