Mario Amorós conduce este relatorio que ofrece unha ollada á historia chilena a partir das biografías de Salvador Allende e Víctor Jara

O grupo de Historia de América da USC (HistAmérica) organiza na Fundación Eugenio Granell un ciclo de conferencias mensuais coa finalidade de ofrecer un espazo aberto de diálogo, ideas, debate e reflexión arredor de América. Os relatorios reinícianse este mércores, 20 de setembro, ás 19.00 horas, coa intervención de Mario Amorós, especialista en historia contemporánea de Chile. Co título 'A Unidade Popular chilena, 50 anos despois' a conferencia ofrece unha ollada á historia de Chile a partir das biografías de Salvador Allende e Víctor Jara.
O golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 abriu unha ferida profunda na memoria de toda unha xeración. A derrota cruenta da esquerda, agrupada na Unidade Popular, o derrocamento do Goberno constitucional e a inmolación de Salvador Allende en La Moneda bombardeada significaron o final abrupto da esperanzadora vía chilena ao socialismo. Neste encontro, Mario Amorós evoca e explica este proceso histórico a partir das biografías de dúas figuras singulares: a do dirixente político que soubo unir á esquerda durante dúas décadas e encabezar aquel proceso histórico e a do cantante e creador, asasinado o 15 de setembro de 1973 polos oficiais do exército, que nos deixou un legado universal.
Mario Amorós (Alicante, 1973) é licenciado e doutor en Historia pola Universidade de Barcelona e licenciado en Periodismo pola Universidade Complutense de Madrid. Especialista en historia contemporánea de Chile, foi profesor invitado na Universidade de Chile e é autor de biografías de Salvador Allende, Víctor Jara, Pablo Neruda, Miguel Enríquez e o ditador Augusto Pinochet. Colabora asiduamente en medios de comunicación de España e Chile.