Skip to main content

USC e Xunta dan voz ás emprendedoras galegas no II Encontro do Programa Emega

Cartel da xornada
Cartel da xornada
A xornada desenvolverase o 10 de decembro, a partir das 16.00 horas, na sede da Escola Galega de Administracións Públicas
Santiago de Compostela

O programa Emega, impulsado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia e no que toma parte a USC coa finalidade de promover o espírito emprendedor e a actividade empresarial das mulleres, celebra a segunda edición do seu encontro de emprendedoras. A Escola Galega de Administracións Públicas será o escenario no que, o vindeiro 10 de decembro, a partir das 16.00 horas, se darán cita mulleres que foron beneficiarias das axudas do programa e puideron, deste xeito, emprender en moi diferentes sectores, creando tecido empresarial galego, inspirando a outras mulleres e liderando empresas que se están consolidando no tempo.

Este programa vén desenvolvéndose co obxectivo de dar apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

Programa

A xornada comezará, en quenda de mañá, cunha sesión de formación para emprendedoras sobre social media e marca persoal. Xa en quenda de tarde, o encontro propiamente dito botará a andar cunha mesa redonda que se centrará en como o emprendemento “precisa de foco, de consistencia e de paixón, sendo todo isto compatible con que as mulleres emprenden con propósito e aspiran a mellorar o entorno, mellorar a familia, e mellorar a sociedade”, tal e como afirman dende a organización do foro.

Espazos expositores

A xornada contará tamén cunha feira na que as participantes nas distintas edicións do programa exporán a súa actividade, permitíndolles tecer unha rede de contactos. A USC estará representada na xornada a través da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; e Eva López Barrio do programa ‘Woman Emprende’.

The contents of this page were updated on 12.09.2019.