Skip to main content

Concerto do Imperial College Chamber Choir

09.28.2023 | 19.30h

Santiago de Compostela
Paraninfo

O Paraninfo da Universidade acolle este recital con acceso de balde ata completar cabida

Cartel do ciclo de concertos do Imperial College Chamber Choir
Cartel do ciclo de concertos do Imperial College Chamber Choir

O coro de cámara do Imperial College London ofrece, baixo a dirección de Ed Walters, unha semana de música de cámara de tradición tanto británica como internacional, que conta coa colaboración da USC, a Catedral de Santiago e a Catedral de Tui. 

Do 23 ao 28 de setembro, catro concertos en Compostela e Tui servirán para conmemorar o 400 aniversario do compositor británico William Byrd e gozar da música do seu profesor, Thomas Tallis, da música española renacentista de Vitoria e Lobo e doutras obras máis recentes de autores relevantes como Benjamin Britten, Edward Elgar, Tchaikovsky, Arvo Pärt e MacMillan.

O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acollerá o recital de clausura deste ciclo o xoves 28 de setembro ás 19.30 horas. O acceso é libre ata completar cabida.

Imperial College Chamber Choir

O Imperial College Chamber Choir é o coro insignia do Imperial College London, con sede en South Kensington, Londres.
Fundado orixinariamente en 1997 por Therees Hibbard como unha sección do Imperial College Choir, o Imperial College Chamber Choir consolidouse como conxunto independente con identidade propia en 2007 baixo o liderado de Jessica Gillingwater, á que sucederon, contribuíndo ao desenvolvemento musical do coro, William Glendinning (2011 a 2018) e Jack Apperley (2018 a 2023).
Dende a súa creación, o coro ofrece con regularidade concertos, servizos relixiosos e xiras, o que o fixo merecedor dun amplo recoñecemento. Na actualidade, o coro está  integrado por un selecto grupo de ao redor de 26 voces baixo a dirección de Patrick Allies. Nesta xira intervirá como director invitado Edward Walters.

Considerado un dos mellores coros universitarios de Londres, conta cun amplo calendario musical e social e actúa non só na capital, senón en todo o territorio do Reino Unido e noutros destinos internacionais. Cabe destacar como lugares máis significativos nos que o coro actuou o Palacio de Buckingham, o Castelo de Windsor, a Abadía de Sherborne, o Duomo de Milán, a Catedral do Porto, St Martin in the Fields e a Basílica de Florencia.

Ademais de presentar varios concertos por semestre e intervir en servizos relixiosos de maneira regular, o coro leva a súa música de xira polo Reino Unido en Semana Santa e por Europa en setembro. Estas xiras de verán son o momento máis destacado do ano para a formación, tanto musical como socialmente. Entre os destinos máis recentes inclúense Bretaña, Francia (2016), Lago Garda, Italia (2016), The Highlands, Escocia (2017), O Porto, Portugal (2017), Brecon Beacons, Gales (2018), Ljubljana, Eslovenia (2018) e, máis recentemente, Florencia, ou Italia (2022). 

The contents of this page were updated on 09.22.2023.