O Paraninfo da Universidade acolle este recital con acceso de balde ata completar cabida

O coro de cámara do Imperial College London ofrece, baixo a dirección de Ed Walters, unha semana de música de cámara de tradición tanto británica como internacional, que conta coa colaboración da USC, a Catedral de Santiago e a Catedral de Tui.
Do 23 ao 28 de setembro, catro concertos en Compostela e Tui servirán para conmemorar o 400 aniversario do compositor británico William Byrd e gozar da música do seu profesor, Thomas Tallis, da música española renacentista de Vitoria e Lobo e doutras obras máis recentes de autores relevantes como Benjamin Britten, Edward Elgar, Tchaikovsky, Arvo Pärt e MacMillan.
O Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acollerá o recital de clausura deste ciclo o xoves 28 de setembro ás 19.30 horas. O acceso é libre ata completar cabida.
Imperial College Chamber Choir
O Imperial College Chamber Choir é o coro insignia do Imperial College London, con sede en South Kensington, Londres.
Fundado orixinariamente en 1997 por Therees Hibbard como unha sección do Imperial College Choir, o Imperial College Chamber Choir consolidouse como conxunto independente con identidade propia en 2007 baixo o liderado de Jessica Gillingwater, á que sucederon, contribuíndo ao desenvolvemento musical do coro, William Glendinning (2011 a 2018) e Jack Apperley (2018 a 2023).
Dende a súa creación, o coro ofrece con regularidade concertos, servizos relixiosos e xiras, o que o fixo merecedor dun amplo recoñecemento. Na actualidade, o coro está integrado por un selecto grupo de ao redor de 26 voces baixo a dirección de Patrick Allies. Nesta xira intervirá como director invitado Edward Walters.
Considerado un dos mellores coros universitarios de Londres, conta cun amplo calendario musical e social e actúa non só na capital, senón en todo o territorio do Reino Unido e noutros destinos internacionais. Cabe destacar como lugares máis significativos nos que o coro actuou o Palacio de Buckingham, o Castelo de Windsor, a Abadía de Sherborne, o Duomo de Milán, a Catedral do Porto, St Martin in the Fields e a Basílica de Florencia.
Ademais de presentar varios concertos por semestre e intervir en servizos relixiosos de maneira regular, o coro leva a súa música de xira polo Reino Unido en Semana Santa e por Europa en setembro. Estas xiras de verán son o momento máis destacado do ano para a formación, tanto musical como socialmente. Entre os destinos máis recentes inclúense Bretaña, Francia (2016), Lago Garda, Italia (2016), The Highlands, Escocia (2017), O Porto, Portugal (2017), Brecon Beacons, Gales (2018), Ljubljana, Eslovenia (2018) e, máis recentemente, Florencia, ou Italia (2022).