As entradas, un máximo de dúas por persoa, pódense recoller de balde o mesmo día do concerto a partir das 19.30 horas

Fillas de Cassandra chega ao Outono Cultural da USC. O concerto está programado para o mércores 15 de novembro ás 21.00 horas na Igrexa da Universidade. As entradas poderanse recoller de balde o día do concerto a partir das 19.30 horas na entrada do recinto, cun máximo de dúas por persoa. O acceso ao concerto farase a partir das 20.45 horas.
Sara Faro (2001) e María Pérez (1996) forman este dúo musical galego. A súa música xorde da confluencia das súas inquedanzas, soños, rabias, loitas e medos: unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica, viaxando dende o contrapunto do barroco ata os subs do techno máis escuro.
O espectáculo que propoñen co seu primeiro LP, 'Acrópole', bebe tamén do teatro, convidando o público a ser parte dun percorrido ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescataron da mitoloxía clásica e coas que pretenden establecer un diálogo. O piano, as diferentes percusións e as harmonías vocais son apoiadas por bases electrónicas que, a pesar da súa potente sonoridade, capaz de instalar atmosferas de por si soas, non eclipsan a mensaxe.
"Fillas de Cassandra somos só dúas, pero escribimos da man de todas as que foron feitas de olvido, para sermos alguén, todas xuntas", explican.