O CiTIUS organiza un curso de programación sobre GPUs

Os programadores teñen unha cita no CiTIUS a vindeira semana. Entre as 12.00 e as 14.00 horas do martes 4 e o xoves 6 de xullo, o investigador Pablo Quesada conducirá unha nova edición do Programa de Formación do centro. O obxectivo é facilitar aos participantes os coñecementos necesarios para aprender a programar algoritmos en tarxetas gráficas (ou GPUs) empregando CUDA, unha plataforma de computación paralela que define a arquitectura unificada das tarxetas gráficas de NVIDIA e tamén a súa interface de programación.
Ao longo das dúas sesións os alumnos aprenderán a programar de forma conxunta CPU/GPU para enviar datos á tarxeta gráfica e procesalos en paralelo con centos de fíos, executando a mesma instrución de forma concorrente e seguindo un modelo de programación Single Program Multiple Data. Asemade veranse aspectos esenciais da arquitectura da GPU, necesarios para sacar o máximo rendemento a este hardware.
Para asistir é imprescindible ter coñecementos de C/C++ e levar un ordenador portátil con conexión á rede da USC.