Ir o contido principal

O CiTIUS organiza un curso de programación sobre GPUs

O CiTIUS organiza un curso de programación sobre GPUs
O CiTIUS organiza un curso de programación sobre GPUs
Celebra a vindeira semana unha nova edición do seu Programa de Formación, cun obradoiro de dúas sesións dedicado á programación de algoritmos sobre tarxetas gráficas

Os programadores teñen unha cita no CiTIUS a vindeira semana. Entre as 12.00 e as 14.00 horas do martes 4 e o xoves 6 de xullo, o investigador Pablo Quesada conducirá unha nova edición do Programa de Formación do centro. O obxectivo é facilitar aos participantes os coñecementos necesarios para aprender a programar algoritmos en tarxetas gráficas (ou GPUs) empregando CUDA, unha plataforma de computación paralela que define a arquitectura unificada das tarxetas gráficas de NVIDIA e tamén a súa interface de programación.

Ao longo das dúas sesións os alumnos aprenderán a programar de forma conxunta CPU/GPU para enviar datos á tarxeta gráfica e procesalos en paralelo con centos de fíos, executando a mesma instrución de forma concorrente e seguindo un modelo de programación Single Program Multiple Data. Asemade veranse aspectos esenciais da arquitectura da GPU, necesarios para sacar o máximo rendemento a este hardware.

Para asistir é imprescindible ter coñecementos de C/C++ e levar un ordenador portátil con conexión á rede da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.06.2017.