O Consello Social da USC financiará actividades que establezan canles de comunicación entre a universidade e a sociedade
O Consello Social da USC financiará actividades ou proxectos de membros da comunidade universitaria que contribúan a establecer canles de comunicación entre a universidade e a sociedade, así como aquelas outras que redunden en beneficio da institución universitaria. Este é o obxectivo dunha convocatoria de financiamento que o Consello Social mantén aberta ata ás 14.00 horas do 18 de abril e a través da que financiará total ou parcialmente as actividades elixidas.
Aínda que o órgano universitario poderá colaborar co proxecto seleccionado máis alá do estrito financiamento económico, a presente convocatoria achegará apoio económico ata un máximo de 25.000 euros. As propostas financiadas deberán estar encamiñadas a contribuír a un mellor coñecemento, interconexión e participación da sociedade na universidade; beneficiar á institución cun retorno dos resultados acadados; ou calquera en consonancia coas funcións e obxectivos do Consello Social.
As solicitudes presentaranse antes das 14.00 horas do 18 de abril incluíndo nun máximo de 10 folios os datos identificativos da persoa responsable do proxecto; unha xustificación da necesidade de financiamento; un informe da actividade a desenvolver; o custe total da actividade; a contía solicitada ao Consello Social.