Skip to main content

Estrea do Consultorio VídeoMatemático do CITMAga

11.30.2023 | 11.00h-14.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

O estudantado poderá enviar vídeos con cuestións matemáticas que responderán integrantes do consorcio

A Facultade de Matemáticas compostelá. FOTO: Santi Alvite
A Facultade de Matemáticas compostelá. FOTO: Santi Alvite

O Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), consorcio público das tres universidades galegas, estrea este xoves 30 de novembro o seu Consultorio VídeoMatemático, ao que o estudantado poderá enviar vídeos con cuestións matemáticas que responderán expertas e expertos da entidade.

A presentación desenvolverase a partir das 11.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas compostelá, coa charla de divulgación titulada 'Números máxicos!' a cargo da profesora Elena Vázquez Abal. A continuación desenvolverase a presentación do Consultorio VideoMatemático, coa participación da decana da Facultade de Matemáticas da USC, M. Elena Vázquez Cendón; da directora científica do CITMAga, Rosa M. Crujeiras Casais; e da investigadora principal do proxecto e catedrática de universidade da área de Xeometría e Topoloxía, Elena Vázquez Abal, así como do presidente da Comisión de Divulgación Científica, Miguez Brozos Vázquez, entre outras persoas. A partir das 12.00 horas abrirase unha rolda de preguntas. Asistirán a este evento estudantes do IES  Eduardo Pondal de Santiago, ademais de persoal científico investigador do eido das matemáticas.

O proxecto, que nace para achegar a matemática á sociedade, está financiado pola FECYT, FSP-Ministerio de Ciencia e Innovación, e conta con persoal investigador e de divulgación científicas das tres universidades galegas.

Como participar

Se tes un perfil público en redes sociais: 

1) Para recoller a información sobre intereses e dúbidas matemáticas analizaranse os vídeos recibidos, que deberán ser vídeos curtos, en formato vertical, propoñendo unha dúbida ou cuestión matemática para que as expertas e expertos de CITMaga lle dean resposta. 

2) Os vídeos haberá que publicalos preferiblemente en Instagram (no perfil), co cancelo #CuestionDeMates e mencionar sempre a etiqueta @citmaga en Instagram. Desta maneira, o persoal do CITMaga poderá localizar o vídeo.

3) No caso de non ter perfil de Instagram o vídeo pode enviarse a través da canle de X, co cancelo #CuestionDeMates e mencionando a etiqueta @CITMAga.

4) Ademais, de non ter un perfil propio nas redes sociais, o envío dos vídeos pódese facer a través da conta institucional do centro de estudo, asociación ou instituto.

 

Se non tes un perfil privado en redes sociais: 

1) Os vídeos haberá que envíalos a citmaga [at] citmaga.gal (citmaga[at]citmaga[dot]gal)

2) Neste caso deberán chegar cunha vosa autorización para poder publicar o vídeo nas redes sociais de CITMaga, e asinar a autorización de “Cesión de Dereitos de Imaxe”.

O prazo de envío de vídeos comezará o xoves 30 de novembro e rematará o 31 de xullo de 2024. Unha vez remate o prazo analizaranse os materiais e seleccionaranse os vídeos participantes no concurso #CuestionDeMates. A clasificación dos vídeos farase en tres fases no 2024 (xaneiro, abril e setembro), nas que se irán publicando na canle de Youtube do CITMAga aqueles vídeos recibidos que destaquen pola súa orixinalidade e/ou seu interese matemático. O concurso resolverase no mes de novembro de 2024. 

Cartel da xornada inaugural do Consultorio Videomatemático
Cartel da xornada inaugural do Consultorio Videomatemático
The contents of this page were updated on 11.29.2023.