Na charla abordaranse algúns métodos de aprendizaxe automática

Cada vez disponse de conxuntos de datos máis grandes e complexos que lles presentan diversos retos aos métodos de aprendizaxe automática, especialmente aos métodos de modelización preditiva. Os datos poden ser grandes no sentido de que conteñan moitas instancias ou de que teñan moitas dimensións. Outros tipos de retos inclúen a necesidade de aprender modelos preditivos para múltiples obxectivos simultaneamente; a necesidade de utilizar tanto datos anotados (con valores obxectivo rexistrados) como datos non anotados; e a necesidade de manexar instancias que non son independentes entre si, pero que están situadas nun contexto (de rede). Na conferencia analizaranse estes retos, algúns métodos de aprendizaxe automática que os abordan e, por último, algúns exemplos do uso destes métodos en distintos ámbitos da ciencia e a enxeñería, como as ciencias da vida e a medicina, a ecoloxía e as ciencias ambientais, e as operacións espaciais.
Sašo Džeroski é investigador senior no JSI, profesor titular na Escola Internacional de Posgraduado Jozef Stefan e profesor visitante na Axencia Espacial Europea. É membro de EurAI, a Asociación Europea de Intelixencia Artificial, en recoñecemento ao seu "labor pioneiro no campo da IA", así como da Academia de Ciencias e Artes de Macedonia e da Academia Europea.