O reitor Antonio López preside este luns 11 de marzo ás 11.00 horas o acto académico de conmemoración do patrón da Facultade de Ciencias da Educación, frei Martín Sarmiento. O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte será o escenario deste acto institucional.

O reitor abrirá o acto e tras unha actuación musical intervirá a decana da Facultade, Mar Lorenzo Moledo e pronunciará unha conferencia a catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura da USC Aurora Marco López, co título 'Mulleres e educación en Galiza (1875-1936)'.
A continuación, o secretario da Facultade, Jesús García Álvarez, entregaralles os diplomas a estudantes que obtiveron os Premios Extraordinarios de Grao e Máster do curso académico 2022/2023 e de Doutoramento do curso académico 2020/2021. Seguidamente entregaralles a catro docentes o Sarmiento de Honra pola súa traxectoria na Facultade de Ciencias da Educación. Pecharase o evento cunha actuación musical e a clausura polo reitor Antonio López.