Nesta cita científico-cultural anual recolleranse mostras biolóxicas (sangue e saliva) entre 200 persoas, que deben inscribirse previamente.

No ano 2022, o proxecto Sensoxenoma arrancaba como investigación pioneira para estudar os cambios que a música produce na resposta dos xenes en diferentes tipos de mostras e tecidos, a través da análise de distintos tipos de biomarcadores moleculares. A recollida de mostras faise en concertos experimentais realizados en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia aos que ata hoxe asistiron máis de 3.000 persoas, o que significou a recollida doutras tantas mostras biolóxicas de sangue e saliva.
Este venres 27 de setembro terá lugar a terceira edición de Sensoxenoma24, un evento cultural e científico xa consolidado en Compostela no que a Real Filharmonía de Galicia e o seu director Baldur Bronnimann interpretarán un repertorio secreto. Este ano ademais, e por primeira vez, contará coa intervención e colaboración da Banda de Música de Santiago de Compostela. O concerto terá dúas partes musicais de 30 minutos e recolleranse mostras de donantes voluntarios antes, despois e no descanso do recital para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais contrastantes.
Este ano, ademais da toma de mostra de sangue (punción capilar nun dedo) e de saliva (frotis bucal) tomaranse mostras lacrimais e usaranse 200 sensores sen fíos grazas a unha colaboración académica coa Facultade de Psicoloxía da Universidade do Minho. A través deses sensores que levarán os donantes nas dúas mans durante o concerto, poderán monitorizar a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a tensión arterial, un novo evento musical experimental xamais realizado.
As inscricións poden realizarse directamente a través do web oficial do proxecto www.sensogenomics.com. Tamén haberá 800 entradas a disposición do público xeral á venda a un prezo de 5 euros nas billeteiras do Auditorio, a Zona C e na web de Compostela Cultura. “Con esta loxística tan impresionante queremos ampliar os horizontes do proxecto, que por primeira vez nos permitirá relacionar datos fisiolóxicos, de proteínas, moléculas de RNA e outras biomoléculas, co estímulo musical en dous bloques de emocións diferenciados e en tres tecidos biolóxicos diferentes, cada un de máis importancia desde o punto de vista da investigación biomédica”, explicou na rolda de prensa de presentación o catedrático da USC Antonio Salas.