Skip to main content

Escolares turcos gañan a VI D3MOBILE cunha figura sobre Capadocia escaneada en 3D

Escolares turcos gañan a VI D3MOBILE cunha figura sobre Capadocia escaneada en 3D
Escolares turcos gañan a VI D3MOBILE cunha figura sobre Capadocia escaneada en 3D
Uns 500 alumnos e 135 docentes de cen centros educativos de 17 países participaron nesta iniciativa STEM promovida polo grupo Giceo da EPS de Enxeñaría da USC

O equipo Buddy, da Borusan Asim Kocabiyik Vocational and Technical Anatolian High School de Istambul (Turquía), vén de proclamarse gañador da sexta edición da D3Mobile Metrology World League, un campionato científico de escaneado 3D de precisión con táblet ou teléfono móbil, convocado polo grupo de investigación Ciceo da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e que conta con financiamento da Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Concello de Lugo e Universia do Banco de Santander. A D3Mobile constitúe tamén unha das actividades encamiñadas a fomentar as vocacións científicas e a internacionalización da recentemente constituída agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC Biorrecursos, Desenvolvemento e Produción Sustentable (BioReDes).

Un equipo do IES Iturrama de Pamplona (Navarra) proclamouse subcampión desta edición dunha experiencia educativa dirixida a novas promesas STEM (Sciencie, Technology, Engineering e Mathematics) que contribúe a que os máis novos adquiran diversas habilidades do século XXI mediante o escaneado 3D de precisión. Na D3Mobile de 2018 tomaron parte 500 alumnos e 135 profesores de 100 centros educativos de 17 países de todo o mundo. Tras avaliar a calidade de medida e visual dos modelos 3D elaborados polos 29 equipos que acadaron a final, o xurado acordou proclamar vencedores da categoría Metrólogos aos alumnos turcos Omer Yigit Uzun e Serkan Sevinc, coordinados polo profesor D. Mustafa Toruntay. Na segunda proba, os gañadores elaboraron un modelo 3D sobre Capadocia, e na terceira conseguiron un erro medio inferior a 0,02 mm nas medicións realizadas nun modelo 3D de 350 mm. de diagonal maior. Os Navarros Irati Saragüeta e Markel Iruretagoyena, pola súa banda, escanearon en 3D a figura dunha muller con neno e conseguiron un erro medio inferior a 0,05 mm.

Na categoría Artistas 3D gañou o modelo 3D dun peixe de peluche elaborado por un equipo do IES Terra de Soneira de Vimianzo (A Coruña), formado por Aitana Castiñeira De León e Sergio Castiñeira Vilariño, baixo a coordinación da profesora Ana Isabel Penedo Branco.

Fomento das competencias do século XXI

Outro dos premios do campionato fomenta as competencias do alumnado na realización dunha campaña de difusión dos seus resultados, para conseguir que o público do campionato valore e vote o seu modelo 3D. O equipo da categoría de metrólogos máis votado polo público de todo o mundo foi do Colexio Baden Powell de San Mateo Tecoloapan, Atizapán de Zaragoza (México), formado por Ingrid Montserrat Barcenas Hernandez e Vanessa Barcenas Hernandez, coordinados polo profesor José Octavio Matías Rodríguez, que conseguiron dar a coñecer o seu modelo 3D dun maniquí de anatomía humana para que obtivese gran cantidade de votos. Deste xeito, durante as súas campañas de promoción, os equipos finalistas difundiron a USC e, en especial, a oferta académica e de I+D+i da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, entre todo o público do campionato, que inclúe todos os escolares participantes e os seus compañeiros, profesores e familiares.

Mulleres científicas/tecnólogas na arquitectura e enxeñaría

O campionato contribuíu de novo a sensibilizar sobre o cometido da muller na enxeñaría e a arquitectura, co premio D3Mobile Fundación Mulleres, ao que optaban aqueles equipos que modelaron en 3D un obxecto representativo dunha científica/tecnóloga de éxito nos campos da enxeñaría e/ou a arquitectura. O premio foi para o IES Iturrama de Pamplona (España), formado polos alumnos Xabier Leonardo e Unai Arana, coordinados polo profesor José Miguel Zabaleta Trecu. O equipo gañador fixo un modelo 3D sobre Amanda Jones, escritora e inventora americana que ideou o sistema de envasado ao baleiro. Foi unha gran defensora dos dereitos das mulleres e chegou a fundar a súa propia empresa de envasado e conservas en Chicago en 1890, cuxas accionistas eran todas mulleres.

Gañadores de Galicia e Lugo

O gañador do premio ao mellor equipo de mozos metrólogos galegos, outorgado pola Xunta de Galicia, foi para o IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña) liderado pola profesora Margarita Saborido Ojea e formado polos alumnos Román Pego Cánibe, Adrián Sánchez Piñeiro e Jorge López Ramos. O mellor clasificado da provincia de Lugo foi o equipo do IES Vilar Ponte de Viveiro composto por Pedro Canoura Quirce e Diego Fernández Somoza, e dirixido pola profesora Ana Belén Lamas Lombao. Este equipo, que recibirá o premio da Deputación Provincial de Lugo, escaneou en 3D un dragón.

Entrega de premios e presentación da D3Mobile 2019

A D3 Mobile Metrology World League 2018, na que colaboran o Centro Español de Metroloxía (CEM) e o Instituto Xeográfico Nacional (IGN-CNIG), chegará ao seu clausura o 15 de febreiro coa xornada de entrega de premios aos equipos galardoados. A cerimonia, de acceso libre, desenvolverase na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC no marco dunha xornada durante a que os asistentes poderán realizar visitas guiadas a distintas instalacións e laboratorios de investigación do centro universitario lugués.

A sesión servirá tamén para lanzar a VII D3mobile, cuxas inscricións xa están abertas. A participación neste campionato en liña é totalmente gratuíta e o campionato desenvólvese totalmente en liña. Todo o que se necesita para participar é un teléfono móbil ou unha Tablet, un PC ou MAC con Windows, Linux ou OSX e unha conexión a internet. Proporciónase formación a través de guías online, un foro e correo electrónico.

A entrega de premios e presentación da sétima edición desta experiencia educativa e de divulgación científica no ámbito escolar, reunirá aos responsables académicos do proxecto, así como a representantes das distintas entidades, institucións e empresas que apoian a D3Mobile, entre as que figuran a Xunta de Galicia, Deputación de Lugo, Universia, ademais de asociacións de pais de alumnos, sindicatos e centros educativos.

The contents of this page were updated on 01.14.2019.