A cuarta edición de Interdixitais fomenta un rol activo das persoas maiores no uso das novas tecnoloxías

Mellorar as competencias dixitais e o incremento da participación social e activa das persoas maiores é o eixo sobre o que se asenta Interdixitais'25, unha actividade de innovación docente en Aprendizaxe-Servizo (ApS) na que colabora a Cátedra Cruz Roja USC para a mellora da calidade de vida deste colectivo. O proxecto que está enfocado no desenvolvemento de competencias dixitais a través de relacións interxeracionais nas áreas de ciencias da Educación, do Comportamento e da Saúde, chega xa á súa cuarta edición.
“Entre os obxectivos principais de Interdixitais'25 destaca a promoción da aprendizaxe de competencias dixitais para fomentar un rol activo das persoas maiores no uso de tecnoloxías”, destacan dende o equipo de traballo integrado polos docentes Lucía Pérez Blanco, Fátima Fernández Feijoo, María Julia Diz López, David Facal Mayo, Manuel Gandoy Crego, Sonia Valladares Rodríguez, Carmen Gutiérrez Moar e Arturo X. Pereiro Rozas. Ademais, esta actividade pretende previr o idadismo e promover unha perspectiva do ciclo vital que favoreza a adquisición de coñecemento sobre os cambios asociados ao proceso de envellecemento. Finalmente, este proxecto ApS busca enriquecer o tecido social comunitario mediante o intercambio entre organizacións cívicas con diferentes perfís asistenciais.
O proxecto estase a desenvolver en varias fases, realizándose obradoiros interxeracionais presenciais que botaron a andar o 17 de marzo e que culminarán o 28 de abril no Centro Sociocultural de Lavacolla. “Estes obradoiros para o fomento da autonomía dixital están dinamizados e liderados por estudantado dos graos de Pedagoxía, Enfermaría, Psicoloxía e Robótica baixo a supervisión do profesorado, e no que participan persoas maiores que previamente teñen participado en actividades organizadas por AGADEA”, sinalan. Agárdase que a actividade favoreza no estudantado a adquisición de competencias relacionadas co traballo con persoas maiores e a sensibilización sobre as súas necesidades.
Ademais de AGADEA, o proxecto Interdixitais'25 xorde da necesidade de mellorar a capacitación dixital e a participación social das persoas maiores detectada por entidades como ASDEGAL e Cruz Vermella. Estas organizacións identificaron que, a pesar dos avances tecnolóxicos, moitas persoas maiores carecen das habilidades dixitais necesarias para manterse activas e participar plenamente na sociedade. Ademais, os novos perfís de envellecemento, con maior nivel educativo e diversidade profesional, requiren intervencións máis específicas e diversas. Na súa 4ª edición, a Cátedra Cruz Vermella USC para a mellora da calidade de vida das persoas maiores asumiu o liderado nas tarefas de organización e xestión.
Desenvolvemento sostible
Interdixitais'25 contribúe aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ao garantir o acceso universal á educación e á inclusión dixital das persoas adultas maiores, promovendo a súa participación activa na sociedade e mellorando a súa calidade de vida. “Trátase dun proxecto innovador que busca reducir a fenda dixital entre xeracións, apoderando as persoas adultas maiores, favorecendo a aprendizaxe de coñecementos relevantes sobre as peculiaridades do traballo con persoas e a sensibilización sobre a importancia dunha sociedade tecnoloxicamente inclusiva”, conclúen.