
O mércores 14 de maio, ás 19.30 horas, proxectarase no Salón de Actos da Casa do Saber o filme 'O auto das ánimas' de Pablo Lago Dantas (España, 2023, VOG, 73 mns), que estivo nominado á mellor película na sección Retueyos do Festival de Xixón de 2023.
O filme sitúase nunha aldea de Redondela onde a familia de Pablo vive apegada ás súas antigas tradicións e crenzas. Sentindo que non cadraba neste mundo, Pablo marchou hai vinte anos para comezar outra vida lonxe de todos eles. Mais, a medida que tanto el coma a familia van envellecendo, unha sensación inquieta nel comeza a se facer máis forte. No tempo da augardente, a familia reúnese e intúe que quizais xa non lle queda moito tempo. Unha historia de memorias, identidade, rituais e reencontros.
Esta actividade está incluída na programación da Primavera Cultural e desenvólvese polo Club Cultural Valle-Inclán segundo o convenio asinado pola Xunta de Galicia e a Federación de Cineclubes de Galicia.
A entrada é de balde para a comunidade universitaria.
