Skip to main content

A USC, no grupo de persoas expertas que elaborará o Plan de Benestar Dixital de Galicia

A xuntanza de traballo na que participaron as persoas expertas da USC. Foto: Xunta de Galicia
A xuntanza de traballo na que participaron as persoas expertas da USC. Foto: Xunta de Galicia
Mª Dolores Fernández Tilve e Antonio Rial Boubeta forman parte deste grupo, que ademais traballará no deseño da Lei de Educación Dixital
Santiago de Compostela

Mª Dolores Fernández Tilve e Antonio Rial Boubeta son as dúas persoas expertas do eido universitario nas que Xunta de Galicia confía para elaborar o Plan de benestar dixital do alumnado galego que garanta o uso saudable, seguro e responsable da tecnoloxía nas aulas.

Dolores Fernández é profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación e coordinadora do grupo de investigación ATALAIA, mentres que Antonio Rial é docente do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da Facultade de Psicoloxía e membro do Grupo de Investigación Psicoloxía do Consumidor e Usuario.

Ambos os dous participaron este xoves na xuntanza convocada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, para a elaboración do Plan de Benestar Dixital de Galicia e a colaboración no deseño da Lei de  Educación Dixital de Galicia. Con el e ela estiveron tamén a médica pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia, Susana Rey García; o presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, Fernando Suárez, e o director do Centro de Innovación Educativa e Dixital, Ángel Rodríguez. Asistiron ademais o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, así como técnicos deste departamento da Xunta.  

Convivencia saudable con dispositivos
Con este plan impulsarase o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais coa fin de garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar a convivencia equilibrada a prol dun ensino híbrido, isto é, onde convivan en equilibrio o modelo tradicional e o dixital.

Trátase de que os centros conten cun plan que lles permita promover un bo uso e aproveitamento da tecnoloxía entre a comunidade educativa; minimizar o posible impacto negativo, sobre todo a nivel emocional; practicar a ciberconvivencia, e abordar a influencia de novos escenarios como é a incorporación da intelixencia artificial no ámbito educativo. Para iso, estableceranse liñas de acción vinculadas tanto ao profesorado, como aos alumnos, e ás familias. Paralelamente, tamén se actualizará o Plan de Acción Titorial para reforzar a comunicación e a colaboración entre os titores e as familias e se afondará na figura dos coordinadores de benestar e convivencia dos centros educativos.
 

O conselleiro co grupo de persoas expertas, entre elas Dolores Fernández e Antonio Rial. Foto: Xunta de Galicia
O conselleiro co grupo de persoas expertas, entre elas Dolores Fernández e Antonio Rial. Foto: Xunta de Galicia
The contents of this page were updated on 05.16.2025.