Skip to main content

Piano e violín no sétimo concerto do XVIII Ciclo de Novos Intérpretes

O Paraninfo da Universidade será este martes 1 de marzo ás 20.00 horas de novo o escenario do XVIII Ciclo Novos Intérpretes. Neste sétimo concerto actúan os violinistas Petre Abraham Smeu e Elena Rodríguez Oubiña e a pianista Cristina Bernal Gómez. Estarán acompañados de Vitalii Baryliak ao piano.

Comezará Elena Rodríguez con pezas de Beethoven, Paganini, Kreisler e Pugnani. Esta pianista arousá comezou os seus estudios de violín aos oito anos no CMUS de Vilagarcía, onde cursa o grao profesional co profesor Pablo Vidal. Actualmente realiza o Curso de Especialización Instrumental con Grigori Nedobora na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago. É concertino da Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia, na que debutou a pasada primavera como solista co Concerto para dous violíns de Johann Sebastian Bach. Foi premiada en diversos concursos como o David Russell (Vigo) e na IV Mostra do Eixo Atlántico.

A segunda parte do recital corresponderalle a Petre Abraham (Santiago, 2002), que interpretará a Mozart, Kreisler, Wieniawski e Shostakovich. Fillo de pais artistas, comeza o estudo de violín aos catro anos. En 2011 acadou en Vigo o Premio Infantil David Russell na especialidade de violín, en 2013 o primeiro premio de violín do 2º Concurso Cidade de Vigo e en 2015 o segundo no XVI Concurso Internacional de Música de Fundao (Portugal) e o primeiro no Grand Prize International Competition, sendo convidado a debutar no Studio Auditorium da Opera Bastille (París). Alumno do curso de violín para nenos organizado na Escola de Altos Estudos Musicais, en 2015 comeza a tomar clases de violín en Avilés co profesor e violinista Lev Chistyakov.

Por último actuará Cristina Bernal con pezas de Liszt, Chopin e Beethoven. Nada en 1998, iniciou os seus estudos musicais no Conservatorio Profesional de Culleredo. En 2012 foi seleccionada na fase autonómica do XI Certame Nacional de Interpretación Intercentros Melómanos. Participou na cuarta edición do Festival Internacional Peregrinos Musicais en Santiago e obtivo o segundo premio na primeira categoría Comunidade Autónoma de Galicia do VII Concurso de Piano Sociedade Artística Ferrolana. Amplía a súa formación participando en cursos e festivais internacionais en España, Portugal e Holanda, onde recibiu clases maxistrais de Igor Roma, Ilona Timchenko, Alexander Gold e Luis Fernando Pérez, entre outros.

The contents of this page were updated on 02.29.2016.