Skip to main content

Xornada inaugural do proxecto Mentoring USC Desenvolvemento Profesional

Esta é unha iniciativa que pon en contacto a alumnado de último ano ou a titulados/as recentes con directivos e profesionais de empresas para que lle presten orientación laboral

O reitor Juan Viaño presidirá o luns, 1 de febreiro, o inicio da actividade de Mentoring USC Desenvolvemento Profesional, unha iniciativa que nace coa idea de poñer en contacto o alumnado de máster, graduados/as de último curso e titulados/as no curso académico 2014-2015 con directivos e profesionais de empresas, co obxecto de que estes lles presten orientación e apoio na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional.

A primeira sesión deste programa celebrarase o luns 1 ás 13.00 horas no Hostal dos Reis Católicos e nela tamén están previstas as intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González; da concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois González; da vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Mª Dolores Álvarez Pérez; e do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez. Esta nova proposta da USC busca reducir a incerteza do alumnado que rematou ou está a piques de rematar a súa etapa universitaria e carece de referencias previas para orientar axeitadamente o seu perfil ao mercado laboral. O novo programa permite ademais completar un círculo que se inicia nas aulas co proceso formativo e ao que agora se suma o contacto co mundo laboral. Poden ser mentores ou mentoras calquera directivo, profesional ou emprendedor con preparación que estea disposto a dedicar unha parte do seu tempo a escoitar as inquedanzas dos estudantes, compartir coñecementos e experiencias e aconsellar ás persoas ‘mentorizadas’. O alumnado deberá asistir ás sesións presenciais de presentación e clausura do proxecto, tomar a iniciativa para contactar co mentor/a e con el/a planificar os obxectivos deste período e finalmente valorar o desenvolvemento do programa e os resultados obtidos.

The contents of this page were updated on 01.29.2016.