Presentación do cuarto volume da colección ‘Cuadernos de Español como lengua extranjera’

A Facultade de Filoloxía acolle este xoves 25 a presentación do caderno ELE y la web social. Actividades para el aula de español B1-B2 enmarcado nunha exitosa colección de cadernos didácticos da USC dedicados ao ensino de español como lingua estranxeira. O novo volume é unha proposta para a aplicación no aula da web colaborativa para estimular unha aprendizaxe na que o alumnado interactúe, colabore, crea e comparta contidos.
A presentación terá lugar ás 11.30 horas no salón de graos do centro e nela, baixo a presidencia do vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto Javier López, e da vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, intervirán a autora, a profesora da Universidade de Islandia Pilar Concheiro Coello; a decana da facultade anfitrioa, María José López Couso; e o director de Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, Juan L. Blanco Valdés.
Concurso
As persoas asistentes ao acto terán a oportunidade de participar nun xogo que lles dará dereito a gañar un exemplar. Así, sortearanse dez volumes entre quen responda correctamente a un quiz en liña preparado para a ocasión pola autora. Para participar, será imprescindible traer un smartphone, tableta ou notebook.