O futuro do sector leiteiro en Galicia, a debate na Escola Politécnica Superior de Lugo

A análise da realidade presente e as perspectivas de futuro que lle agardan ao sector leiteiro en Galicia centraron este venres a temática da xornada de debate ‘O leite en Galicia, e agora que?’, unha sesión de análise e debate promovida polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e que congregou máis dun centenar de asistentes no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC.
Esta xornada monográfica e de asistencia libre contou como relatores con destacados representantes dos eidos da investigación, da produción e tamén da industria, tanto daquelas empresas asentadas en Galicia como fóra da comunidade autónoma. O investigador do Ingacal César Resch abriu a quenda de relatorios deste foro cunha exposición introdutoria, na que fixo unha presentación do contexto actual no que se atopa o sector leiteiro galego, ao tempo que, logo de facer unha analoxía coa realidade irlandesa, avanzou sobre as perspectivas existentes. De seguido, o responsable de I+d+i da empresa Innolact, Sergio Martínez ofreceu a visión que unha empresa innovadora ten do sector leiteiro. O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, e o director xeral de Central Lechera Asturiana, Francisco San Martín, pecharon a quenda de intervencións programadas no marco desta xornada, na que ofreceron aos asistentes a visión destas dúas cooperativas respecto do sector leiteiro, un sector que se atopa fronte a un desafío que está a por en perigo o conxunto do sector e que deixa nunha situación de risco especial os produtores. O director do Idega, o profesor da USC Xaquín Fernández Leiceaga, participou na clasura deste da xornada ‘O leite en Galicia, e agora que?, un foro en cuxa organización colaboran diferentes grupos de investigación universitarios vinculados coas cooperativas de produción e transformación, a nova industria leiteira e o instituto para o desenvolvemento tecnolóxico no sector alimentario da Administración autonómica, a través do que a usc pretende favorecer e impulsar os debates para achegar luz sobre as claves que debe seguir o sector leiteiro para saír con éxito da actual encrucillada na que se atopa.