Skip to main content

Bota a andar en Santiago a sétima edición Yuzz con 25 participantes

Juan Viaño, Pedro Alonso, Aurea López Tocino, Rafael Ruíz Bada e Covadonga Toca xunto con parte dos emprendeores seleccionados (Foto: Santi Alvite)
Juan Viaño, Pedro Alonso, Aurea López Tocino, Rafael Ruíz Bada e Covadonga Toca xunto con parte dos emprendeores seleccionados (Foto: Santi Alvite)
Nos vindeiros cinco meses elaborarán os seus plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica no Centro Yuzz Santiago, gañador de dous premios nacionais

A sétima edición Yuzz de impulso do talento e a xeración de ideas innovadoras deu comezo esta tarde no Centro Yuzz Santiago cun acto institucional no Edificio Emprendia ao que asistiron os 25 emprendedores seleccionados entre máis de 2.600 de toda España, que participarán os vindeiros cinco meses en Compostela neste programa de formación e asesoramento para elaborar plans de negocio baseados en ideas de base tecnolóxica. Nas seis edicións anteriores creáronse máis de 500 empresas e no último ano participaron preto de mil emprendedores con 710 proxectos en toda España.

Nesta apertura oficial participación o reitor da USC, Juan Viaño Rey; o director de Santander Universidades España, Pedro Alonso; a presidenta da Delegación de Secot (Voluntariado Senior de Asesoramento Empresarial) da Coruña, Aurea López Tocino; o responsable de Innovación CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), Rafael Ruíz Bada; e a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca Carús. Interviñeron ademais Andrea Aguilella, promotora de ENEATRIL, e Adrián Canedo, CTO de SITUM, gañador do 1º Premio Nacional V Edición Yuzz.

Ideas con potencial
Para a selección dos participantes realizáronse entrevistas persoais tras unha preselección baseada na valoración de aspectos como o perfil emprendedor, a traxectoria do/a candidato/a, a súa capacidade para comunicar a idea proposta, o compoñente innovador do proxecto, a súa creatividade e o potencial de crecemento do negocio.

Os proxectos elixidos incorporaranse agora ao programa no centro YUZZ de Santiago, onde contarán con coworking para desenvolver a súa idea, relacionaranse con outros emprendedores e recibirán formación dunha rede de máis de 200 expertos profesionais que os guiarán, xunto cun titor individual, na realización do plan de negocio máis viable para cada proxecto.

Unha vez finalizado o proceso de formación e asesoramento, os mellores de cada un dos centros YUZZ viaxarán a Silicon Valley, a meca mundial de innovación no ámbito das novas tecnoloxías, onde se lles brindará acceso a foros de financiamento, asesoramento e contacto con investidores. Ademais, os tres mellores proxectos de todo o país recibirán unha dotación económica para axudarlles a poñer en marcha o seu negocio: 30.000 € para o primeiro premio, 20.000 € para o segundo e 10.000 € para o terceiro.

Centro Yuzz Santiago
O Centro Yuzz Santiago obtivo xa dous galardóns nacionais: o segundo premio na IV convocatoria Yuzz foi para o proxecto Looar, unha start up que ofrece solucións NFC para Smart Cities; e o primeiro na quinta edición foi para a spin off da Universidade de Santiago SITUM (xeolocalización de interiores).

A esta sétima convocatoria en Compostela presentáronse 75 solicitudes, cunha participación feminina (48% de mulleres e 52 % de homes) semellante á da anterior edición. En canto ás áreas de coñecemento, a maioría dos proxectos (44%) pertencen a enxeñaría e Informática, seguida de ciencias da saúde cun 28 %, ciencias sociais e xurídicas o 24% e artes e humanidades co 4%.

Destaca ademais a presenza no Centro Yuzz Santiago dunha numerosa representación internacional integrada por un emprendedor lituano e emprendedoras de Siria, Arxentina e Portugal, o que suporá un enriquecemento para o grupo xa que achegarán os seus coñecementos sobre os seus países de orixe e sobre outros mercados nos que poidan desenvolver a suas iniciativas empresariais.

Nov os premios
Aos xa mencionados, este ano súmase un novo premio, o Yuzz Mujer, dotado con 20.000 € para o mellor proxecto liderado por unha muller e o apoio de equipos consultores da Fundación Ers & Young (EY) para aceleralo.

Ademais, grazas á iniciativa da Área Corporativa de Innovación de Banco Santander os participantes que promovan proxectos de negocio innovadores baseados na aplicación de tecnoloxías no ámbito da banca e dos servizos financeiros optarán ao premio YUZZ Fintech de tecnoloxía financeira. Con el aproveitaranse dun programa de aceleración específico de catro meses de duración, desenvolvido nos espazos de innovación da Cidade Grupo Santander, con supervisión e orientación de profesionais da mencionada área.

O programa Yuzz para mozos e mozas de entre 18 e 31 anos está impulsado polo CISE, cuxa misión é o fomento do espírito emprendedor e impulsar a xeración de ‘start ups’. A través de innovadores programas formativos que incorporan metodoloxías áxiles e experiencias reais, o CISE estimula a creatividade das persoas e promove a innovación.

The contents of this page were updated on 02.16.2016.