Skip to main content

A USC e a Consellaría do Mar colaboran no estudo de enfermidades bacterianas nos criadeiros de bivalvos

A USC e a Consellaría do Mar colaboran no estudo de enfermidades bacterianas nos criadeiros de bivalvos
A USC e a Consellaría do Mar colaboran no estudo de enfermidades bacterianas nos criadeiros de bivalvos

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Manuel Viaño, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para desenvolver o proxecto ‘ Poboacións bacterianas en criadeiros de bivalvos: procesos de patoxénese’, cuxo investigador principal é Juan Barja Pérez, da USC, que contará no equipo con persoal do Centro de Investigacións Mariñas dirixido por Jaime Montes Pérez.

O fin desta colaboración é facilitar a execución dos traballos relacionados co proxecto, que ten como obxectivos principais estudar os mecanismos de infección bacteriana en cultivos larvarios de bivalvos e coñecer a dinámica dos patóxenos no criadeiro. Tamén realizan ensaios para identificar as bacterias beneficiosas para as larvas de moluscos e aplicar os coñecementos á xestión do criadeiro.

O que se busca a través destas accións é que os resultados obtidos sirvan como base para o deseño de estratexias que optimicen a produción de semente de bivalvos en criadeiro. De feito, o coñecemento obtido será aplicable á xestión de criadeiros, permitindo unha mellora dos traballos que redunde na optimización dos controis que garantan unha boa calidade microbiolóxica e que tamén redunde na produción final.

Búscase tamén posibilitar programas de recuperación das poboacións en bancos naturais e facilitar a diversificación do mercado, xa que axudan á posta a punto dos cultivos de novas especies de bivalvos, que complementarán aquelas máis tradicionais.

Ademais, os resultados da investigación servirán para ser integrados no proceso de produción e así actualizar os sistemas de traballo, achegando información para a prevención de riscos, a mellora dos protocolos de limpeza e mantemento e a optimización do funcionamento das instalacións. Este coñecemento obtido difundirase en diversos foros relacionados coa acuicultura e a microbioloxía e en revistas científicas especializadas. Tamén poderá servir de posible asesoramento a empresas.

Para a realización deste proxecto, o Ministerio de Economía e Competitividade concedeu unha axuda de 181.500 euros á USC, enmarcada no Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación 2013-2016.

The contents of this page were updated on 02.12.2016.