O pianista Enrique Lapaz ofrece un concerto na Casa do Saber no ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’

O pianista Enrique Lapaz (Valencia, 1998) ofrecerá este mércores, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, un concerto no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural 2016, que conta con financiamento da USC, Deputación Provincial e Concello de Lugo.
Na súa actuación, este pianista, que figura na relación de novos valores seleccionados pola Sociedade de Intérpretes, Artistas e/ou Executantes no seu programa AIEnRuta Clásicos, ofrecerá un repertorio co que repasará as creacións de gandes mestres dos séculos XIX e XX e no que se inclúen composicións de Schumann, Débussy, Rodrigo e Stravinski. O concerto comezará ás 20.00 horas e a actuación, como todas as programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, é de entrada libre é gratuíta para todas as persoas interesadas ata completar aforo. Currículo de Enrique Lapaz Enrique Lapaz comezou a súa formación musical co profesor francés Joseph Mardon e posteriormente graduouse na Escola Superior de Música de Cataluña, onde finalizou coa cualificación de matrícula de honra. Máis tarde trasladouse a San Petersburgo, onde iniciou estudos de posgrao no Conservatorio Rimsky-Korsakov e desde o ano 2014 é alumno da Escola Superior de Música Raíña Sofía, na que goza dunha bolsa de matrícula da Fundación Albéniz. Este curso recibiu de mans da Súa Maxestada Raíña Dona Sofía a Mención de Alumno máis Sobresaínte da súa cátedra. Enrique Lapaz foi galardoado con varios premios entre os que podemos destacar o primeiro premio no Concurso Internacional de Piano de San Sebastián en 2012 ou o terceiro premio no Concurso Internacional Sergey Prokofiev de San Petersburgo en 2013. Actuou en importantes salas de España, Rusia, Francia, Alemaña, Bielorrusia e Estonia, como o Auditori de Barcelona ou a Sala Glazunov de San Petersburgo. Este novo intérprete valenciano ten participado tamén en diferentes ciclos e festivais nacionais e internacionais como o Festival Internacional de Música Evgeny Mravinsky de Narva (Estonia). Asemade, en 2007 gravou para a radio rusa, por iniciativa da Fundación Scriabin, obras de Prokofiev e Nikolaev. Lapaz é membro do Trío Syrah, en alusión á terra de orixe dos seus tres compoñentes, Requena (Valencia), con gran tradición vinícola. Con eles publicou no ano 2013 o seu primeiro CD ‘De Tres en Tres’, que xunta nun mesmo traballo a músicos como Piazzolla, Brahms e Bruch, e achega, segundo as súas propias palabras, “unha sonoridade máis outonal a estas obras”.