Skip to main content

Asentamentos celtas e Camiño Francés centran a temática dunha xornada cultural promovida pola USC en Monterroso

Unha táboa redonda sobre a etimoloxía do Ulla abre este venres, a partir das 18.30 horas, a quenda de sesións no centro sociocultural de Monterroso

O grupo de investigación Estudos culturais e lingüísticos contemporáneos en inglés (GI-1394) da USC, coordinado polo catedrático de Filoloxía Inglesa José Manuel Oro Cabanas, celebra os días 5 e 6 de febreiro, no centro sociocultural de Monterroso, unhas xornadas culturais no marco das que profesores e investigadores universitarios analizarán diferentes cuestións relacionadas cos asentamentos celtas que se conservan no concello de Monterroso e abordarán o seu paralelismo con outros existentes nas illas británicas. As xornadas, que se desenvolven baixo o título ‘Monterroso, centro xeográfico galego do Camiño Francés, curiosidades e aspectos culturais celtas paralelos con outros asentamentos’, serán tamén un foro no marco do que se abordará a posible incidencia da ruta xacobea no que atinxe ao transvase de costumes entre diferentes civilizacións.

Unha táboa redonda guiada polo profesor Oro Cabanas e cuxa temática versará sobre a etimoloxía do Ulla, abrirá este venres, a partir das 18.30 horas, as sesións programadas no marco destas xornadas culturais. Nesta sesión inaugural intervirán como relatores os profesores Ramón López Ortega, da Universidade de Estremadura; F. Alonso Romero, Luis Iglesias Rábade e Jesús Varela Zapata, da USC, ademais da profesora da Universidade da Coruña María Jesús Lorenzo Modia. Estas xornadas culturais terán continuidade o sábado en quenda de mañá.

The contents of this page were updated on 02.04.2016.