Skip to main content

A introdución na universidade da metodoloxía aprendizaxe-servizo incidiría nunha sociedade máis xusta e participativa

Jagvier Agrafojo, na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega
Jagvier Agrafojo, na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega
Javier Agrafojo avoga na súa tese por unha educación superior máis implicada no desenvolvemento social e a adquisición de valores

A introdución da metodoloxía aprendizaxe-servizo como ferramenta educativa na universidade favorecería un maior achegamento da institución ao terceiro sector da contorna así como un proxecto formativo de máis calidade. O responsable do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, Javier Agrafojo, chega a esta conclusión na súa tese de doutoramento, na que tratou de poñer en valor as percepcións das competencias e habilidades a nivel persoal, académico e profesional que adquire o alumnado que colabora en actividades de participación social e voluntariado.

“Son os propios estudantes os que nos fan ver que a adquisición de competencias pode ampliarse máis aló do tradicional enfoque de contidos de cada grao e, como non, poñendo en valor a participación social e o voluntariado, a través de metodoloxías da aprendizaxe xa testadas e recoñecidas noutras realidades sociais, pero que están iniciando a súa expansión no noso Estado, como é a aprendizaxe-servizo”, explica.

Na investigación, que acadou a máxima cualificación, validáronse as propostas vinculadas á responsabilidade social universitaria que entidades como a USC teñen en marcha “para así favorecer con novos e testados argumentos, a introdución da aprendizaxe-servizo como unha metodoloxía máis de traballo na aula e fóra dela”.

Para o novo doutor en Ciencias da Educación, esta nova ferramenta correspóndese cunha idea da educación superior “máis implicada no desenvolvemento social e a adquisición de valores que, na complexa realidade da conxuntura que atravesamos, pode supoñer a formación de profesionais socialmente máis activos e comprometidos co desenvolvemento de estruturas sociais, económicas e cidadás máis xustas e participativas”. Ao tempo, engade, “favoreceríase a desaparición das cada vez máis profundas e preocupantes desigualdades económicas e sociais nos escenarios nacionais e internacionais”.

A tese de doutoramento ‘Universidade, responsabilidade social e aprendizaxe-servizo: un estudo na Universidade de Santiago de Compostela’ estivo dirixida polos profesores da USC Miguel Anxo Santos Rego e Antonio Rial Sánchez.

The contents of this page were updated on 01.12.2016.