O grupo BioFarma participa no desenvolvemento de inhibidores epixenéticos contra o cancro

O grupo de investigación da USC BioFarma participa no desenvolvemento de dianas epixenéticas contra o cancro dentro dun proxecto liderado pola compañía Oryzon Genomics. Cun orzamento próximo a 1,5 millóns de euros, o proxecto contará co financiamento de axudas plurianuais do Ministerio de Economía e Competitividade coa participación da Unión Europea no marco do programa Retos-Colaboración. Coa meta de ter rematado en decembro de 2017, esta liña de traballo explorará o rol de novos inhibidores dirixidos a dianas epixenéticas en indicacións oncolóxicas.
BioFarma (http://www.usc.es/biofarma/) está coordinado pola profesora Mabel Loza e atópase emprazado no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). Está especializado en investigación aplicada ao descubrimento temperá de fármacos en colaboración coa industria farmacéutica e biotecnolóxica e está considerado un referente internacional neste ámbito.
Loita contra o cancro
O proxecto desenvolverase baixo a denominación ‘Descubrimento e combinación de novos tratamentos para o tratamento de cancro baseados na modulación de dianas epixenéticas e receptores de adenosina’ e contará coa colaboración da compañía Palobiofarme e o Centro Tecnolóxico Leitat Technological Center, ambos os dous emprazados en España.
O papel do grupo da USC BioFarma pasa por aplicar a súa experiencia en programas de descubrimento temperá de fármacos, executando actividades de cribado de novos compostos xerados por Oryzon Genomics e Palobiofarma para a avaliación da actividade/selectividade dos novos compostos. Ademais, responsabilizarase da caracterización do ADME (Absorción, Distribución, Metabolismo e Excreción) in vitro, así como de estudar dalgúns compostos sobre liñas celulares tumorais.