Skip to main content

O Día das Letras Galegas na USC

Centro de interese sobre Manuel María instalado na Biblioteca Intercentros
Centro de interese sobre Manuel María instalado na Biblioteca Intercentros

Ademais do acto literario co que a USC se sumou este pasado venres ao Día das Letras Galegas, son diversas as propostas que dende a USC lembrarán estes días a figura de Manuel María como expoñente da lingua galega.

Así, ademais do blog que anualmente edita a Biblioteca Universitaria dedicada a esta efeméride, o volume dedicado pola USC a Manuel María xunto con varios títulos da colección Clásicos do Pensamento Universal ocuparán durante esta semana e a seguinte boa parte da libraría da Unión de Editoriais Universitarias Españolas en Madrid (r/ Trafalgar, 27).

Esta é unha campaña que coincidindo co Día das Letras Galegas e co Día do Libro promove anualmente o Servizo de Publicacións. Ademais de dar a coñecer a figura literaria homenaxeada o 17 de maio, con esta actividade o Servizo de Publicacións da USC pretende manter vivo o interese nunha colección única no panorama editorial galego como é Clásicos do Pensamento Universal.

Biblioteca Intercentros
A Biblioteca Intercentros do Campus Terra da USC abrirá un centro de interese no que se exhiben diversas obras de Manuel María e outros traballos relacionados.

A escolma literaria sobre Manuel María, unha mostra que agroma preto de vinte volumes, inclúe distintos poemarios referidos a Lugo, á Terra Chá e mesmo a Compostela, ademais de títulos de carácter biográfico, alusivos á emigración e outros ben coñecidos como o é o caso de ‘Barriga Verde’ .

Lectura no Rodríguez Cadarso
Pola súa banda, o Colexio Maior Rodríguez Cadarso celebrará este martes 17 unha lectura de fragmentos das obras do poeta homenaxeado. Será a partir das 21.00 horas na Biblioteca colexial. Na sesión participarán colexiais de diferentes titulacións, entre eles alumnado de fóra de Galicia que comezaron a estudar a lingua galega a partir da súa entrada na USC.

The contents of this page were updated on 05.16.2016.