Skip to main content

A segunda edición do programa Argos premia dous proxectos de investigación histórica e de innovación tecnolóxica en reputación en liña

A entrega de premios celebrouse este venres en San Xerome. Foto: Servimav-USC
A entrega de premios celebrouse este venres en San Xerome. Foto: Servimav-USC

A entrega de premios aos mellores proxectos empresariais puxo o broche á segunda edición de Argos, un programa de creación de equipos de persoas emprendedoras dispostas a traballar en equipo para desenvolver un proxecto de negocio innovador que supoña unha alternativa laboral real de cara ao futuro. Os proxectos Nexos, promovido por Balbina Gándara Antelo e Jessica Méndez Lema, e Nostracker, que promoven Iván Dobarro Montaña e María Cruz Negreira Ruíz, foron os equipos gañadores nas modalidade Argos Enxeño e Argos Spin, respectivamente. Cada premio supón unha achega en metálico de 3.000 euros, seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación e asistencia técnica durante o proceso de constitución da empresa. Mentres que Nexos propón traballar en actividades de investigación histórica con aplicacións no eido do dereito, a documentación de bens do patrimonio cultural, comunicación empresarial e institucional e a xenealoxía, Nostraker é un proxecto emprendedor orientado á oferta de produtos e servizos de innovación tecnolóxica para a monitorización e a análise da reputación en liña. Argos convocou dúas categorías segundo a orixe da idea de negocio: Argos Spin, para proxectos empresariais xurdidos a partir dalgún resultado de investigación xerado na USC; e Argos Enxeño, dirixido aos proxectos xurdidos das ideas de negocio achegadas polos participantes no programa. Xunto estas dúas propostas outros tres proxectos completaron o programa de Argos: Mobiliza -empresa de reinserción social e laboral de ex reclusos-, na convocatoria de Argos Enxeño, e Advanced Optical Solutions (AOS) - solucións ópticas avanzadas no eido da visión e a oftalmoloxía - e Silicon Design Solutions, Arithmetic Processors -solucións globais de calidade a través da utilización de resultados de investigación punteiros- na de Argos Spin, que recibiron un diploma acreditativo de ter completado as distintas etapas de Argos. O reitor Juan Viaño presidiu a entrega de premios aos equipos de emprendedores resultantes nun acto no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Tamén interviñeron a concelleira de Educación e Xuventude do Concello de Santiago, Maite Cancelo Márquez; o director de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella Anido; o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE), José Luis Villaverde Acuña. No balance da edición deste ano, José Luís Villaverde sinalou a participación de preto de 40 persoas de 17 titulacións, cunha presenza destacada de titulados e tituladas de Administración e Dirección de Empresas e de Ciencias Económicas. O labor de Argos nos últimos meses foi o de axudar a conformar os equipos aos que ofreceu, ademais de formación especializada, os resultados de investigación da USC para a súa posta en valor, en paralelo coas propias ideas promovidas por cada grupo, así como achegarlles a experiencias de éxito experimentadas por outras iniciativas empresariais. Complementariamente, cada equipo dispuxo de espazo de traballo no edificio Emprendia e asesoramento e titorización tanto por parte do persoal de AVTE como da incubadora de empresas Uninova e de expertos empresariais. Argos A Área de Valoración, Transferencia e Emprendemento da USC puxo en marcha a segunda edición de Argos coa colaboración da incubadora de empresas da USC, Uninova, e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e a de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. A convocatoria dirixíase a alumnado dos últimos anos de licenciatura ou grao, así como ao de posgrao, máster ou doutoramento e a titulados/as das últimas promocións e colaboradores ou persoal integrado en grupos de investigación. O programa estaba estruturado en tres fases diferentes que comprendían formación, a creación de equipos e o asesoramento para a elaborar un plan de empresa. Os/as participantes comezaron a súa formación específica para potenciar o traballo en equipo durante a primeira quincena de setembro. Posteriormente proceduse á constitución dos distintos equipos de carácter multidisciplinar para potenciar as súas posibilidades de éxito e finalmente realizar o seu plan de empresa que deberon presentar ante o xurado para a súa avaliación.

The contents of this page were updated on 02.27.2015.