Skip to main content

A USC inaugura este martes na Biblioteca Intercentros a mostra ‘Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’

A exposición, que estará no campus de Lugo ata o 14 de decembro, dá visibilidade a investigadoras que contribuíron ao desenvolvemento do campo científico da luz

A USC, a través da Oficina de Igualdade de Xénero e a Vicerreitoría de Servizos Universitarios do campus de Lugo, inaugura este martes, ás 12.30 horas, na Biblioteca Intercentros, a exposición ‘ Investigadoras na luz e nas tecnoloxías da luz’, unha mostra que permanecerá aberta ao público no campus de Lugo ata o vindeiro 14 de decembro.

A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva Domínguez; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, e a profesora do Departamento de Enxeñaría Industrial da UDC e unha das promotoras desta mostra, Ana Jesús López Díaz, participarán no acto inaugural desta exposición, que comeza na sede universitaria luguesa o seu percorrido itinerante. Os obxectivos desta exposición coinciden cos da declaración do ano 2015 como o Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz, no que atinxe á promoción e empoderamento da muller na ciencia, así como como ao fomento de vocacións científicas no ámbito da luz e das súas aplicacións. Con estas motivacións, un grupo de persoas pertencentes ao Grupo de Mulleres en Física da Real Sociedade Española de Física (RSEF) e á Sociedade Española de Óptica (SEDOPTICA) estiveron traballando para dar visibilidade a investigadoras que contribuíron de xeito salientable ao desenvolvemento do campo científico da luz e a elas se dedica esta exposición.

The contents of this page were updated on 11.30.2015.