Skip to main content

O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC pecha o ciclo de conversas cun debate sobre cultura dixital

O director do Alg-a Laboratório, Manuel Cebral Loureda, guiará este mércores a sesión, que se desenvolverá a partir das 19.00 horas no Museo Provincial de Lugo

O CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC pechará este mércores o seu ciclo de conversas abertas no Museo Provincial de Lugo cunha nova sesión de debate, que se desenvolverá a partir das 19.00 horas, e na que o director do Alg-a Laboratório, Manuel Cebral Loureda (aka Man Hauser), guiará un debate arredor da cultura dixital.

Esta conversa pretende abrir un debate arredor da sociedade do espectáculo na que nos situamos, onde a industria do entretemento convértese dalgunha maneira nunha cadea de produción de desexo. Nunha posición case que antagónica atópase a cultura dixital, coa que é posible recuperar ao suxeito como peza chave na produción e distribución de coñecementos. Existe, por tanto, outra cultura dixital que hibrida coas prácticas tradicionais de reparto de recursos de forma comunal e será en torno a este fío, polo que Man_Hauser guiará a conversa. O impulso de espazos de creación colectiva a carón da cultura dixital, como poden ser as Feiras Imaxinarias, ou os Summer Labs, impulsados dende o Alg-a Laboratório (Valladares, Vigo) supoñen toda unha oportunidade de tecer lugares de encontro. É necesario, por tanto, coñecer que metodoloxías e dinámicas se poden crear para facilitar estes procesos de creación contemporánea. Do mesmo xeito que as sesións anteriores, a última das catro propostas no marco do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC pretende converterse nun lugar de debate aberto á toda a cidadanía, un foro no que calquera das persoas asistentes pode cuestionar o papel da cultura á hora de enfrontarse aos desafíos que como sociedade temos por diante.

The contents of this page were updated on 02.24.2015.