Skip to main content

Xesús Ron, Nacional de Teatro co Grupo Chévere, plantea no CulturaLab a pertinencia de activar grupos de consumo cultural

Xesús Ron, durante a conversa aberta do CulturaLab da USC
Xesús Ron, durante a conversa aberta do CulturaLab da USC

Xesús Ron, membro do Gupo Chévere co que vén de recibir o Premio Nacional de Teatro, guiou no Museo Provincial de Lugo a terceira conversa aberta celebrada no marco do Culturalab do Máster de Servizos Culturais da USC, unha sesión durante a que encetou un debate sobre a pertinencia e a oportunidade de activar grupos de consumo cultural.

A conversa foi transitando en torno ao eixo do emprendemento cultural, das dificultades que encerra, como pode ser a xestión dos egos, así como a apertura de posibilidades, en tanto facilita o impulso de estruturas que poden axudar a garantir a sustentabilidade de proxectos culturais. Xesús Ron fixo un repaso polos máis de 27 anos de existencia do Grupo Chévere, dende a creación da Sala Nasa ata a súa constitución como compañía residente do Concello de Teo. Esta traxectoria como proxecto cultural independente e sempre conectado coa realidade social, tivo os seus altos e baixos, pero permitiu ver como é posible impulsar proxectos culturais independentes. A conversa foi derivando dende a consideración máis mercantilista da cultura como un recurso, ata as diferentes políticas culturais que se foron desenvolvendo, dende a Transición ata os nosos días, polas institucións culturais galegas. Para Xesús Ron cómpre reivindicar a “a cultura como un campo para o debate e non so entendela como un recurso económico, e é preciso tomar conciencia como cidadáns da necesidade de impulsar outros modelos culturais.” Ante o debate suscitado pola necesidade de tecer outros modelos culturais, non dependentes das administracións e non precarios, Xesús Ron anotou a posibilidade de artellar grupos de consumo culturais, emulando aos grupos de consumo alimentarios, nos que tanto produtores como consumidores establecen uns mecanismos de colaboración que garanten un prezo xusto e un produto axeitado para ambas partes. Ao igual que a proposta de grupos de consumo culturais, considerou que podería ser interesante pensar en modelos como as custodias do territorio que sexan aplicables ao campo da cultura, como custodia de ecosistemas culturais, onde tanto os produtores como os consumidores se responsabilizarían da necesidade de tecer estruturas culturais estables.

As Conversas do CulturaLab do Máster de Servizos Culturais da USC están abertas a cidadanía e por este motivo anímase a toda as persoas interesadas a participar neste espazo innovador que ten lugar todos os mércores de febreiro. A próxima sesión contarase coa participación de Man Hauser do Alga-Lab, con quen se abordará a cuestión do dixital e como están a mudar as relacións sociais e a propia cultura.

The contents of this page were updated on 02.19.2015.