Skip to main content

Estudar o cambio lingüístico no galego, un dos propósitos do corpus oral informatizado no que traballa o ILG

Estudar o cambio lingüístico no galego, un dos propósitos do corpus oral informatizado no que traballa o ILG
Estudar o cambio lingüístico no galego, un dos propósitos do corpus oral informatizado no que traballa o ILG
Este venres presentáronse os avances no CORILGA

As investigadoras Alba Aguete Cajiao e Naír García Abelleira e o investigador Xosé Manuel Dopazo Entenza presentaron o venres no Instituto da Lingua Galega o proxecto Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega (CORILGA), un repositorio integrado por diferentes corpus orais con transcricións aliñadas co texto. Pretende servir como base para a realización de estudos lingüísticos de diferentes disciplinas así como investigacións da variación lingüística en Galicia e do cambio lingüístico no galego contemporáneo. CORILGA está integrado por diferentes tipos de textos que se poden dividir en tres grupos: oralidade informal (conversas, entrevistas dirixidas, monólogos, lecturas e literatura oral), oralidade formal (discursos formais tanto orais como lidos, lecturas literarias de narrativa, poesía e teatro e texto dramático galego) e medios (informativos, entrevistas, debates, series, conversas, dobraxe...). Segundo explicaron na presentación, dirixida a especialistas e persoas interesadas na materia, gran parte do CORILGA provén doutros corpus, como o Arquivo do Galego Oral (AGO), o Atlas Lingüístico Galego (ALGa), o Corpus de Gustav Henningsen, o proxecto AMPER, o proxecto Prosodia da Lingua Galega e o proxecto Cambio Lingüístico no Galego Actual, ademais doutros corpora particulares, como as teses dos profesores Xosé Luís Regueira e Francisco Dubert. Con todo, o CORILGA tamén conta co seu propio corpus, integrado por 60 arquivos con preto de 8 horas e media de horas transcritas.

Actualmente o repositorio conta con 280 arquivos de audio anotados, que supoñen un total de máis de 170 horas de gravacións, das que case cen están transcritas. A accesibilidade pública da plataforma para consultar os audios e as transcricións é un dos obxectivos do proxecto para este ano, explicaron na charla.

The contents of this page were updated on 02.23.2015.