Skip to main content

O cantautor ourensán Emilio Rúa presenta este venres o seu último traballo, ‘Destino Sur’, na Casa do Saber

Emilio Rúa, músico e cantautor ourensán
Emilio Rúa, músico e cantautor ourensán

O músico e cantautor ourensán Emilio Rúa abre este venres, día 27 de febreiro, a partir das 20.30 horas, a programación da oitava edición do Lubicán cun concerto de presentación do seu último traballo, ‘Destino Sur’, o quinto da súa carreira discográfica no auditorio da Casa do Saber de Lugo.

‘Destino Sur’, no que Emilio Rúa conta con colaboracións de grandes artistas como o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o cantautor leonés Fabián ou mesmo Lucía Pérez, é un traballo influenciado pola música folk galega, así como polo country e blues americano. Ademais, logo de tres décadas de bagaxe no mundo da música, Rúa inclúe neste disco temas inéditos en galego, ademais de versións, tamén en galego, de ‘La chica de ayer’ (A moza de onte) e ‘Somewhere over the rainbow’ (Nun lugar do arco da vella). O concerto de Emilio Rúa (guitarra acústica e voz), quen na súa actuación en Lugo estará acompañado por Marcos P. Saburido (batería e percusións), Diego Pérez (contrabaixo e coros), e José Gayoso (guitarra acústica, mandolina e dobro), servirá para botar a andar a programación do Lubicán 2015. Este ciclo, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e a través do que se pretende achegar ao público lugués a música de de grupos galegos con diferentes estilos, ademais de promover a xénese de novas formacións, inclúe nesta edición un total de seis concertos de asistencia libre e gratuíta ata completar o aforo.

The contents of this page were updated on 02.26.2015.