Skip to main content

O mundo de Tintín enche de linguas e aventuras a Biblioteca da Diversidade Cultural de campUSCulturae

Portada de 'Ch'cailleu d'étoéle' en picardo, lingua romance que se fala na zona francesa de Abbeville, e que poderá contemplarse na mostra
Portada de 'Ch'cailleu d'étoéle' en picardo, lingua romance que se fala na zona francesa de Abbeville, e que poderá contemplarse na mostra
A exposición ‘A volta a Hergé en 80 linguas’ permanecerá aberta até finais de maio

O xornalista máis debuxado do mundo instalarase os vindeiros meses na Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural, que o proxecto camUSCulturae mantén na Biblioteca Xeral da USC. A exposición ‘A volta a Hergé en 80 linguas’, que se inaugura este venres 27 ás 19.30 horas, incorpora libros en oitenta idiomas, desde os maioritarios até os menos coñecidos e difundidos, que permitirán ao visitante coñecer a fondo o mundo de Tintín da man da colección atesourada polo compostelán Pedro Rey Sanchiz, director da Oficina Web da USC. Será esta unha boa oportunidade para profundizar na obra de Hergé e para contemplar por primeira vez obras editadas en linguas como o alsaciano, o tahitiano, o cantonés, o bengalí, o romanche, o crioulo reunionés ou o mongol; así como todas as linguas faladas en Bélxica, a patria de Hergé e de Tintín, nada menos que 15 diferentes códigos lingüísticos mantidos por unha comunidade cultural de non máis de 10 millóns de persoas. Xunto a esta colección bibliográfica tamén será posible admirar algúns obxectos relacionados co mundo tintiniano que forman parte da colección de Pedro Rey, embaixador de Hergé en Compostela e un dos máximos expertos en tintimanía que hai actualmente en España.

A exposición, co financiada pola Culture Agency da UE, completarase cun programa de actividades que terán igualmente a Tintín como protagonista. Charlas, encontros con tradutores , obradoiros e cineforums converterán a Biblioteca Internacional da Diversidade Cultural na capital para tintinófilos até finais de maio.

A colección que se expón en Fonseca pertence ao compostelán Pedro Rey Sanchiz

The contents of this page were updated on 02.26.2015.