Skip to main content

Deseñan un sistema intracraneal de liberación de fármacos que podería mellorar o tratamento do glioblastoma

Imagen de microscopia confocal dun cultivo de células iniciadoras de tumor derivadas dun paciente con glioblastoma: Foto: Instituto de Salud Carlos III
Imagen de microscopia confocal dun cultivo de células iniciadoras de tumor derivadas dun paciente con glioblastoma: Foto: Instituto de Salud Carlos III
Trátase dun tumor cerebral moi agresivo que se caracteriza pola súa falta de resposta aos tratamentos convencionais

Investigadores de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC deseñaron un sistema de microesferas de plástico biodegradables nas que se pode encapsular a proteína BMP7 e liberala de xeito controlado mediante implantes intracraneais en pacientes afectados por glioblastoma, un tumor cerebral moi agresivo que se caracteriza pola súa falta de resposta aos tratamentos convencionais. O novo achado acaba de validar in vivo a eficiencia dos implantes deseñados na USC a través de ensaios con tumores de liñas primarias humanas nunha colaboración entre os investigadores da Universidade de Santiago, do Instituto de Saúde Carlos III e do Hospital 12 de Octubre de Madrid. Ademais, está é a primeira vez que se utiliza esta combinación para abordar este tipo de tumores. Marcos García-Fuentes, do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), explica que os últimos estudos realizados demostraron que os animais tratados coas microesferas desenvolven o tumor máis tarde e cun tamaño máis pequeno. Ademais, “comprobamos que os tumores tratados con microesferas mostraban unha características de menor malignidade”, explica o investigador da Universidade compostelá quen ademais apunta que esta terapia específica sobre as células iniciadoras de glioma pode ter un gran valor terapéutico en combinación coas terapias convencionais. Nos estudos agora publicados, o equipo logrou ralentizar a proliferación de células iniciadoras de glioblastoma obtidas de pacientes, utilizando a liberación da proteína BMP7 durante varias semanas. Os dispositivos deseñados nos laboratorios composteláns están fabricados nun materoal biocompatible que unha vez transplantado se vai degradando de xeito paulatino, permitindo a saída da proteína ao contorno tumoral e freando o crecemento dun modelos preclínico da enfermidade.

O novo traballo publicado en Oncotarget forma parte dunha liña de traballo do equipo de Marcos García-Fuentes que pretende eliminar selectivamente as células iniciadoras de glioma, “unha poboación tumoral de alta resistencia a terapias convencionais e capaz de reiniciar os tumores por si sola”. Con anterioridade aos novos achados, os investigadores da Universidade de Santiago xa describiran a formación dos implantes agora validados en modelos in vivo, mostrando as súas propiedades farmacéuticas e realizando estudos en cultivos que suxerían a capacidade para suprimir as células iniciadoras de glioma. O equipo compostelán conta co apoio da Xunta de Galicia e da Fundación BBVA.

The contents of this page were updated on 04.13.2015.