Skip to main content

Especialistas de redes estatais e internacionais analizaron as novas tendencias de investigación e innovación en tratamento de augas

Especialistas de redes estatais e internacionais analizaron as novas tendencias de investigación e innovación en tratamento de augas
Especialistas de redes estatais e internacionais analizaron as novas tendencias de investigación e innovación en tratamento de augas

Destacados especialistas do ámbito estatal e internacional reuníronse este xoves no Centro de Estudos Avanzados da USC para analizar o estado actual e as tendencias de innovación e investigación no ámbito de tratamento de augas. A xornada organizouna a Rede Regata (Rede Galega de Tratamento de Augas) formada por dez grupos de investigación das tres universidades galegas. Os novos escenarios mundiais modificaron substancialmente o paradigma do sector de tratamento de augas, promovendo o desenvolvemento de sistemas que aseguren una óptima xestión da calidade, dos recursos e a conservación dos ecosistemas naturais. Na procura de novas solucións participaron na xornada –que coordinou a profesora Maite Moreira– máis de 50 técnicos e investigadores de empresas e centros de investigación. Ademais do profesor Juan Lema, que presentou a Rede REGATA da USC e a COST Action Water 2020 que el mesmo coordina, interviñeron o coordinador da Rede META da Universidade de Oviedo, Mario Díaz; José Antonio Gómez, da Plataforma Tecnolóxica Española da Auga; Aurora Seco, da Universidade de Valencia; Ángeles Blanco, do programa European Innovation Partnership on Water; o responsable da Water Supply and Sanitation Technology Platform, Tomás Michel; e Miguel A. Gilarranz, do Joint Program Initiative Water’. Foi de especial interese o debate posterior na que os asistentes e os relatores formularon as opcións de maior interese no marco español e europeo, tanto no eido empresarial como académico. Para todos eles non só é importante alcanzar altos niveis de eficacia senón tamén considerar aqueles tratamentos que aseguren mínimos impactos ambientais. A xestión coordinada das augas depuradas coas augas superficiais e subterráneas inclúe iniciativas de reutilización de correntes para o seu uso como augas de rego e/ou recarga de acuíferos. Tamén establecen como aspectos prioritarios os tratamentos con baixos consumos e custes enerxéticos, a minimización da produción de lodos así como a potencial recuperación de nutrientes e outros recursos.

The contents of this page were updated on 04.09.2015.