Skip to main content

O profesor da USC Sebastián Villasante presenta en Bruxelas o estudo sobre descartes en pesqueiras artesanais na UE

Sebastián Villasante
Sebastián Villasante
O informe coordinado pola USC conclúe que os descartes son mínimos na pesca tradicional e ve imposible a aplicación da súa prohibición nas pesqueiras artesanais

O profesor e investigador da USC Sebastián Villasante presenta este martes en Bruxelas os resultados do estudo ‘ Small-scale fischeries and the zero discard rate’, un traballo encargado polo Comité de Pesca do Parlamento Europeo sobre a posta en práctica da prohibición de descartes nas pesqueiras artesanais da UE.

As principais conclusións deste informe indican que a pesar de que os descartes na pesca tradicional son mínimos, existe escasa evidencia científica que xustifique a prohibición dos mesmos na pesca artesanal por parte da Comisión Europea. O citado estudo advirte asemade de que a efectividade deste tipo de medidas en pesqueiras industriais logo de décadas de relevar datos científicos biolóxicos e socioeconómicos aínda está por confirmarse.

O estudo ‘Small-scale fischeries and the zero discard rate’ tamén conclúe que a prohibición de descartes na pesca artesanal é imposible de levar á práctica na medida en que o espazo a bordo das embarcacións xa se atopa optimizado, polo que modificar as características estruturais dos barcos afectaría á súa propia navegabilidade, aumentaría o peso das embarcacións e o tempo dedicado polos pescadores a bordo. Todos estes efectos suporían de xeito implícito un incremento das horas de traballo e, en consecuencia, un aumento dos custes laborais e tamén dos derivados do combustible. Os autores do informe ‘Small-scale fischeries and the zero discard rate’, un estudo coordinado pola USC e no que tamén participan as universidades de Abeerden (Reino Unido), Aveiro (Portugal), British Columbia (Canadá), e o Institut de Recherchepor le Développement (Francia), analizan neste traballo a situación actual dos descartes ao tempo que propoñen diversas recomendacións técnicas e de xestión relativas aos incentivos por parte dos pescadores para o cumprimento da prohibición dos descartes.

The contents of this page were updated on 04.13.2015.