Skip to main content

A USC estudará a efectividade dos programas públicos de educación non formal dirixidos á mocidade

De esquerda a dereita, Ovidio Rodeiro, Juan Viaño, Beatriz Mato e Miguel A. Santos. Foto: Servimav-USC
De esquerda a dereita, Ovidio Rodeiro, Juan Viaño, Beatriz Mato e Miguel A. Santos. Foto: Servimav-USC

O grupo de investigación Esculca da USC estudará a efectividade de programas de educación non formal deseñados e activados durante os últimos anos en Galicia para a mocidade coa fin de marcar recomendacións que puideran ser de utilidade na toma de decisións e contribuír así a unha maior rendición de contas no espazo público. A colaboración da USC coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado formalizouse este venres en San Xerome coa sinatura dun convenio entre o reitor Juan Viaño e a conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, e ao que tamén asistiron o catedrático Miguel A. Santos Rego, director do traballo, e o director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro. Dos programas de educación non formal deriva a adquisición dunha serie de competencias, destrezas e habilidades que poden ter un gran impacto sobre a empregabilidade xuvenil, ademais de contribuír ao desenvolvemento persoal da mocidade. Neste senso, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ten especial interese en contrastar a influencia da participación nos seus programas no tránsito da educación ao emprego, a fin de avaliar a eficacia e eficiencia na xestión das políticas públicas. En concreto, o estudo ‘Os programas de educación non formal e a empregabilidade da xuventude en Galicia’ centrarase nos programas Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil e Galeuropa. O primeiro diríxese a mozos e mozas de 18 a 30 anos organizados en asociacións ou entidades prestadoras de servizos á xuventude que fomenten a participación, a axeitada utilización do lecer e a calidade de vida e o benestar. O segundo programa desenvólvense en áreas relacionadas co Camiño de Santiago e temáticas referidas á cultura. Por último, Galeuropa é un programa de axudas á mocidade galega para estadías de prácticas formativas non remuneradas que se realizan en empresas de calquera estado ou país estranxeiro.

O estudo será dirixido polo profesor Santos Rego coa coordinación xeral da profesora Mar Lorenzo Moledo, que tentarán avaliar neste ano 2015 qué aptitudes interpersoais e competencias desenvolven os mozos e mozas que participan nos tres programas da Xunta e en qué medida contribúen á súa empregabilidade, á vez que investigarán o valor que as empresas lle outorgan a esas aptitudes.

The contents of this page were updated on 04.17.2015.